11/4/11

A Bibliosoños nos Encontros do PLAMBE

O pasado venres, como coordinadora da Biblioteca, asistín aos Encontros do Plan de Melloras de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).
Comenzaron coa  exposición de Teresa Maña e Mónica Baró sobre""Avaliar para avanzar. Prácticas de autoavaliación na biblioteca escolar"
Despois baixo o título de "Literatura en imaxes" houbo sesións simultáneas sobre experiencias con cine ou banda deseñada nas bibliotecas.
Pola tarde xuntámonos por zonas. Na zona de Lugo somos unhas 30 Bibliotecas Escolares as que pertencemos ao PLAMBE.

Máis estes Encontros estarán sempre marcados por un peche moi especial, un peche extraordinario a cargo de D. Xosé Neira Vilas, quen, en palabras de Pilar Sampedro na súa presentacion é "o único clásico que aínda queda vivo" quen, "sempre amosou o seu compromiso con Galicia e a súa mocidade" e que grazas a xente como el "Galicia ten un lugar no mundo".

E que se pode engadir sobre un dos grandes do noso país que non se dixera xa?

Foi un verdadeiro placer escoitar a súa lembranza daquela escola rural a 8 km. da casa e cunha biblioteca chea de "vidas de santos".  Do seu gosto dende ben neno pola lectura. Dos libros agochados baixo as tellas. Dos cartos gañados "honradamente" para mercar máis libros. Daqueles libros mercados contra rembolso e do consello do seu pai "pide libros, pero con moderación"...

Da emigración a Arxentina, "emigro, en certo sentido, para achegarme aos libros", e a súa primeira relación alí coas bibliotecas escolares ás que lles doaba os libros que mercaba nas librerías da Praza de Maio. O seu apadriñamento en Cuba do Colexio Concepción Arenal.

A súa labor á fronte da Editorial Follas Novas cuxo obxectivo era o de difundir a Literatura Galega. A publicación da revista "Zunzún" e a súa relación tan estreita e persoal cos lectores. As actividades de fomento da lectura que levaban a cabo e segue a levar dende a súa Fundación...

Neira Vilas falou as súas "experiencias persoais arredor do libro e a lectura" e coa presencia constante da súa compañeira Anisia con quen compartiu vida, soños e proxectos. Unha lembranza que nos fixo emocionar fondamente acompañada pola figura de Balbino "   Memorias dun neno labrego" do que se está a celebrar o  cincuentenario da súa publicación e que supuxo o comezo da literatura xuvenil en galego, "aínda que non fora escrita para nenos".

Con este grande das nosas letras rimos e choramos, compartimos lembranzas e o seu amor pola nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua.
Grazas Don Xosé!!
Os materiais sobre as distintas exposicións pódense atopar AQUI. Entrade como convidado. Tamén están os vídeos das conferencias. 

Si queres saber máis sobre o tema:
BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA




No hay comentarios: