Os vindeiros 7 e 8 de marzo terán lugar en Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares,
unha actividade de formación organizada conxuntamente polo Servizo de
Formación do Profesorado (CAFI) e pola Dirección Xeral de Centros e
Recursos Humanos (Asesoría de bibliotecas escolares), da Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa colaboración do
Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Estes encontros responden á vontade da consellería de reunir, unha vez
máis, ao profesorado que coordina os equipos de biblioteca dos centros
integrados no Plan de mellora de b.e (PLAMBE), un programa que procura,
desde o ano 2005, a transformación das bibliotecas escolares en
auténticos centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe, e no que ten sido decisiva a creación de vínculos profesionais entre os integrantes deste colectivo.
Ainda que se tratarán aspectos diversos relacionados cos servizos e o
papel das bibliotecas escolares nos centros educativos, farase fincapé
na función destas bibliotecas como compensadoras de desigualdades sociais,
aspecto que cómpre salientar nun momento en que as diferenzas no acceso
aos recursos culturais pode medrar. Outro dos aspectos destacados será a
alfabetización mediática e informacional, un contido
imprescindible para o alumnado que medra na sociedade da información e
que ten na biblioteca escolar un aliado natural.
Daranse cita na segunda xornada destes encontros (día 8) un total de 504
responsables de bibliotecas da Rede de bibliotecas escolares galegas.
Na primeira xornada (7) só participarán os responsables das 63
bibliotecas que se integraron no programa neste curso 2012/2013.
No hay comentarios:
Publicar un comentario