Sábado, 27 de febreiro
Casa-Museo Manuel María
Concurso escolar de recitado de poesía "Rosalía sempre viva"
Participaron
nesta fase final un total de 133 estudantes de toda Galicia, en 4
categorías, de Infantil a Bacharelato, que recitaron poemas de Rosalía e
Manuel María, o escritor ao que este ano se dedican as Letras Galegas.
Outeiro amañeceu frío, con neve nos arredores e mainas folerpas a caer
sobre a Casa de Hortas. Mais axiña a calor da poesía fixo derreter a
neve e os falares da Coruña, de Sada, de Arousa e de Rianxo, de Lugo, de
Vilalba e de Cervo, de Bande ... e así até o medio cento de centros de
ensino que encheron o auditorio da Casa Museo Manuel María.
Gañaron, na categoría 1 (Infantil, 1º e 2º de Primaria), o CPI de Xanceda (Mesía) cun recitado colectivo do poema O lobo
de Manuel María; na categoría 2 (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) Lucía
Ónega Santos, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, co recitado do poema Galiza de Manuel María; na categoría 3 Irea Ferreiro López, do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa co poema Por que? de Rosalía; e na categoría 4 (Bacharelato) María Camilla Beltrán Guzmán, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, co poema Verbas á miña nai de Manuel María.
Do noso colexio participou Jessica Fernández de 5º curso que o fixo moi ben e recibiu moitos parabéns. Tamén estaba prevista a participación de Daniela Escudeiro de 4º curso, que non puido chegar por mor da neve. Moito ánimo! sempre nos quedará a seguinte convocatoria que xa está anunciada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario