13/5/13

Semana das Letras Galegas

Durante o mes de maio estamos a levar a cabo moitas actividades relacionadas coas Letras Galegas.
Na Biblioteca comezamos coas sesións  de FORMACIÓN DE USUARIOS que nos serven para coñecer e aprender a manexar a páxina sobre ROBERTO VIDAL BOLAÑO e todo sobre as LETRAS GALEGAS.

O día principal de celebración será o xoves, 16 de maio, pois celebraremos conxuntamente a FESTA DO MAIO E LETRAS GALEGAS. Na seguinte presentación podemos ver o programa de actuacións.


9/5/13

Exposición en Viveiro

Dentro do proxecto da Biblioteca Escolar e en colaboración coas bibliotecas doutros centros da Mariña, levamos a cabo o proxecto:
“UNHA PRIMAVERA DE POEMAS: apadriña unha poesía”
Esta actividade ten como obxectivo a posta en valor da poesía como unha forma máis de literatura e moi importante na formación de hábitos lectores.
Unha vez que rematamos as diferentes exposicións nos centros o seguinte paso é facer unha exposición conxunta de todos os traballos, neste caso vaise facer en Viveiro, na Sala de Usos Múltiples da Casa do Concello.

O mércores, 8 de maio, preparamos a mesma e ultimamos as actividades que imos levar a cabo durante os días que vai estar aberta ao público (do 13 ao 16 de maio).

A inauguración será o luns, 13  e a clausura o xoves, 16 de maio, estará aberta en horario de 18:30 a 20:00 horas. Neses días tamén faremos sesións de contacontos, recitados de poemas dos "Cantares Galegos" de Rosalía de Castro (con motivo do 150 aniversario da súa publicación) e remataremos cantando xunto co Coro do CEIP Pedrosa Latas de Celeiro.





1/5/13

Entramos no mes das LETRAS GALEGAS

Unha vez rematado o MES DOS LIBROS (Abril) xa entramos no MES DAS LETRAS (Maio).
Imos facer moitas actividades e teremos unha páxina especial onde atopar moitos recursos que nos axudarán a coñecer ao homenaxeado deste ano ROBERTO VIDAL BOLAÑO.


26/4/13

Vai vir á nosa Biblioteca: Abraham Carreiro


O luns, 29 de abril vainos visitar  

BIOGRAFÍA:
Abraham Carreiro Fernández. Vigo 1981.
Cursei catro anos de estudos en Artes Gráficas na escola Joso de Barcelona e un ano de especialización en ilustración de libros na escola Massana.
Actualmente traballo como debuxante, ilustrador e deseñador gráfico. Ademais de Xoeliki as aventuras dun ciberpirata, teño publicados: A colección Contos que len outros nenos do mundo; A fortuna de Bartolomeu ; Un sol de Mascota; Xanardán e a becha ; Grandes contra pequenos ; O corvo do chapapote; Os pequenos Barbanzóns ( Ed. Toxosoutos); a mascota Lepi, para a biblioteca do concello de Ames; a revista dixital de humor gráfico “kkrak rebélase o galiñeiro”; debuxos para o cómic da revista Podem; viñeta mensual para a revista Tempos Novos e a historia de cómic Juppy que Vicio premiada no salón de Historias em Quadrinhos de Sao Paulo.
O conto infantil As espiñas do porco espiño da colección Contos que len outros nenos do mundo, foi premiado polos nenos e nenas na oitava edición do Premio Literario Frei Martín Sarmiento na categoría infantil.

23/4/13

Celebramos o DÍA DO LIBRO


Na BIBLIOSOÑOS fixemos unhas sesións de Formación de Usuarios por ciclos. Dentro do blog hai unha páxina especial na que podemos atopar moita información sobre o Día do Libro, de Miguel de Cervantes, vídeos, xogos...
Todas as actividades realizadas nas aulas tamén as podemos ver neste enlace.


18/4/13

23 de abril. Día Mundial do Libro

"Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre o mellor xeito de difundir a cultura escrita e de permitir que todas as persoas, homes, mulleres e nenos, accedan a ela, mediante a aprendizaxe da lectura e o apoio ao oficio da edición, as librarías, as bibliotecas e as escolas. Os libros son os nosos aliados para difundir a educación, a ciencia, a cultura e a información en todo o mundo".
 (Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO co gallo da celebración do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, o 23 de abril de 2013)  


 Coma en anos anteriores, e para celebrar este Día Mundial do Libro o vindeiro 23 de abril de 2013, edítase un marcapáxinas cun texto orixinal co que unha autora, neste caso PAULA CARBALLEIRA (narradora oral, escritora, actriz, directora de teatro), agasalla ás Bibliotecas Escolares de Galicia. Paula escribiu un texto no que destaca as potencialidades do libro para atraer aos lectores máis novos, mesmo a aqueles que (en principio) ofrecen máis resistencias. Esta edición conta coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e foi distribuído entre as bibliotecas do Plan de mellora de bibliotecas escolares. Pódese descargar AQUÍ 

Texto recollido do blog BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

16/4/13

Un libro moi interesante

Temos un novo libro na Biblioteca


TASTARABÁS

A memoria dos xoguetes: facer un bazar coa natureza. Reportaxe de Otero Ricart sobre «Tastarabás, de Antón Cortiza. 

 

 O xornal Faro de Vigo publicou no suplemento Estela unha reportaxe de J. A. Otero Ricart sobre Tastarabás, de Antón Cortizas, a enciclopedia dos xoguetes e brinquedos tradicionais

"Agora os nenos non saen á rúa a xogar de forma natural, como sucedía fai unhas décadas, por iso estanse a perder moitos dos nosos xoguetes de enxeño tradicionais"

O profesor ferrolano Antón Cortizas, que se considera "un neno grande", recompilou máis de mil deses brinquedos galegos nun libro que constitúe toda unha enciclopedia. "Afortunadamente non está todo perdido", sinala; "aínda quedan pícaros, por exemplo, que saben facer avións de papel".

8/4/13

Nova colección dos BOLECHAS

Esta semana entrou na nosa Biblioteca esta fermosa colección sobre OS BOLECHAS, da editorial BOLANDA.
Son 12 libros con pictogramas de fácil lectura para facilitar unha rápida comprensión do texto, sendo moi axeitados para lectores noveis ou para persoas con dificultades para accederen á lectura.

2/4/13

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Desde 1967, ao redor do 2 de abril, día do natalicio de Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil co ánimo de inspirar o amor polos libros e para chamar a atención da comunidade sobre os libros para nenos.

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser o patrocinador internacional do día do libro infantil. Esa Sección elixe un tema e invita a un autor importante do país a escribir unha mensaxe para os nenos do mundo e a un recoñecido ilustrador para o deseño dun póster. Estes úsanse de diferentes xeitos para a promoción dos libros e a lectura. Moitas Seccións de IBBY promueven o día do libro infantil a través dos medios e organizan actividades en colexios e bibliotecas públicas.



21/3/13

Para rematar o 2º trimestre

O venres, 22 de marzo, celebraremos:

 a chegada da primavera


19/3/13

Na Semana da Prensa

Durante a Semana da Prensa (11 ao 15 de marzo) traballamos a Prensa nas aulas.
Na seguinte presentación podemos ver o xornal que realizaron os alumnos e alumnas de 2º curso xunto co seu profesor Eduardo.


18/3/13

Unha primavera de poemas

Xa se acerca a primavera e vén cargada de poemas. MÁIS INFORMACIÓN AQUÍ
Nas seguintes presentacións podemos ver os traballos dos alumnos e alumnas do colexio.

Este traballo estámolo a facer dende as Bibliotecas Escolares dos colexios do Concello de Viveiro e outros Concellos da Mariña.

14/3/13

Renovamos as Mochilas Viaxeiras


Estamos renovando os libros das Mochilas Viaxeiras. No 1º, 3º e 4º curso de primaria xa rotaron as dúas e agora, despois de renovalas con novos libros, van volver a viaxar. Os alumnos e alumnas están moi contentos e ilusionados con esta nova "viaxe".

A mochila viaxeira está pensada para que, desde a Biblioteca Escolar, se poida organizar unha actividade que implique ás familias, e así proporcionar un motivo de encontro entre os distintos membros desta, tomando como motivo o mundo dos libros e da lectura.
A mochila é o soporte que permite aos rapaces e rapazas levar á súa casa, en préstamo temporal, uns materiais que reforcen o vínculo entre familia e escola na súa labor común para a formación dos lectores máis novos.

13/3/13

Canción "Amar o mar"

Dentro do proxecto integrado  de dinamizacións "O MAR" fixemos unha canción especial:
"Amar o mar"
A letra é de Vicente Míguez (profesor do centro) e a música de Pedro Rodríguez (exalumno do centro). Está cantada por Marta Pérez (profesora do centro) e por Pedro Rodríguez.

12/3/13

Novo libro para a Bibliosoños

VÍCTOR FERREIRA E XOTI DE LUÍS
 O polbo de Mugardos

Temos este fermoso libro na Bibliosoños. Ademáis podemos visitar a Exposición de acuarelas que nos deixaron na Editorial BIBLIOS.

10/3/13

Semana da Prensa na Escola

 Do 11 ao 15 de marzo celebraremos a Semana da Prensa Na Escola


OBXECTIVOS A TRABALLAR
  • Fomentalo uso da prensa na aula.
  • Descubrir a diversidade dos medios de información.
  • Incitar aos alumnos a lela prensa utilizando varias fontes e soportes de información.
  • Saber de  onde veñen as informacións producidas e difundidas polos medios.
  • Situar no espacio e no tempo, os acontecementos que marcan a actualidade.
  • Recoñecer as diferentes seccións dun periódico.
  • Diferenciar entre feitos e opinións.

5/3/13

Día da Muller Traballadora

Para conmemorar esta data preparamos unhas actividades tanto para os alumnos coma para as familias.
Para os alumnos, os diferentes ciclos irán pasando pola Bibliosoños onde poderán visualizar uns vídeos preparados polo profesor Vicente que irán acompañados dunha pequena charla informativa que poderán completar con preguntas e diálogos.
Ademáis xa poden ir atopando moita máis información na seguinte PÁXINA ESPECIAL
Para as familias, o venres, 8 de marzo, teremos unha xornada de Portas Abertas en horario de 16:00 a 20:00 horas, para poder asistir ás seguintes actividades:
  • Exposición de fotografías.
  • Charla informativa, ás 19:00 horas, a cargo de Vicente Míguez no Salón de Actos do colexio.

4/3/13

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2012/2013

 Os vindeiros 7 e 8 de marzo terán lugar en Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, unha actividade de formación organizada conxuntamente polo Servizo de Formación do Profesorado (CAFI) e pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Asesoría de bibliotecas escolares), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
Estes encontros responden á vontade da consellería de reunir, unha vez máis, ao profesorado que coordina os equipos de biblioteca dos centros integrados no Plan de mellora de b.e (PLAMBE), un programa que procura, desde o ano 2005, a transformación das bibliotecas escolares en auténticos centros de recursos para a lectura, a información e a aprendizaxe, e no que ten sido decisiva a creación de vínculos profesionais entre os integrantes deste colectivo.  
Ainda que se tratarán aspectos diversos relacionados cos servizos e o papel das bibliotecas escolares nos centros educativos, farase fincapé na función destas bibliotecas como compensadoras de desigualdades sociais, aspecto que cómpre salientar nun momento en que as diferenzas no acceso aos recursos culturais pode medrar. Outro dos aspectos destacados será a alfabetización mediática e informacional, un contido imprescindible para o alumnado que medra na sociedade da información e que ten na biblioteca escolar un aliado natural.
Daranse cita na segunda xornada destes encontros (día 8) un total de 504 responsables de bibliotecas da Rede de bibliotecas escolares galegas. Na primeira xornada (7) só participarán os responsables das 63 bibliotecas que se integraron no programa neste curso 2012/2013.