O DOG de hoxe, 9 de setembro, publica a Orde de 1 de setembro de 2015 coa resolución definitiva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de titularidade da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2015/2016.
O PLAMBE é un programa iniciado en 2005 que está a impulsar a
transformación das bibliotecas escolares en centros de recursos de
lectura, información e aprendizaxe. Pero máis aló dos recursos, as
bibliotecas son un instrumento esencial para a innovación educativa na
medida en que propician e lideran a utilización de metodoloxías activas,
a integracións das TIC en contextos reais de aprendizaxe e o traballo
por proxectos.
As bibliotecas facilitan oportunidades de aprendizaxe en moi distintos
ámbitos e son un espazo de encontro entre os diferentes membros da
comunidade escolar. O seu funcionamento é esencial para o
desenvolvemento do currículo pois apoia a todas as áreas e materias, non
só cos recursos informativos que proporciona, senón tamén coas
actividades que organiza en beneficio de toda a comunidade escolar. A
lectura, entendida en sentido amplo, como alfabetización múltiple, a
lectura do século XXI, é a base de todas as actuacións da biblioteca,
pero tamén son fundamentais as actividades relacionadas co mundo da
información. O alumnado precisa de forma urxente ser formado no uso,
tratamento, aproveitamento e produción da información, nos múltiples
formatos e soportes nos que hoxe se presenta na sociedade.
O Plan de mellora de bibliotecas escolares facilita recursos, formación e
obxectivos comúns a un profesorado interesado en facer da súa
biblioteca un espazo de aprendizaxe, en liña coas esixencias da
normativa educativa vixente. Un total de 575 centros públicos forman
parte desta "rede de bibliotecas escolares" de Galicia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario