25/6/21

GAÑADORES NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ORGANIZADO POLO PUERTO DE CELEIRO

 Helena Goás, de 6º de primaria, e Daniel García, de 5º de primaria, son os gañadores do concurso de fotografía. Unha cita que versou, este ano, sobre a restauración de ecosistemas, temática protagonista do día do Medio Ambiente neste 2021. Un concurso organizado, como cada ano, polo Puerto de Celeiro.

O xurado estivo conformado por Ana Feáns, Eduardo Míguez e Jesús Lourido do Puerto de Celeiro, Rita Lamas, Marta Pérez e Bibiana Santos do CEIP Celeiro e Carolina Docampo, Natalia García, Sonia Martínez da ANPA do centro.

O prazo de inscrición abriuse o 5 de xuño e pechouse o venres 18, Día da Gastronomía  Sostible. Durante este tempo foron 44 os escolares que presentaron os seus traballos, de eles 18 alumnas e alumnos, de 5º e 6º de primaria, foron os que entraron no concurso de maneira oficial. O premio ao mellor traballo recaeu en Helena Goás, de 6º de primaria, o segundo premio foi para David Paleo e o terceiro para Nerea Pigueiras. Na categoría de mellor formato o primeiro premio é para Daniel García, de 5º de primaria, o segundo para Andrés Adam e o terceiro para Sara Asmerón.  As rapazas e rapaces gañadores recibirán libros sobre temática ambiental e mariña. O centro será premiado ademais cunha pantalla interactiva valorada en preto de 2000 euros. 

Neste concurso participaron 44 nenas e nenos de 3º,4º, 5º e 6º de primaria, pese a que na sección oficial formaron parte 18 escolares de 5º e 6º. Un concurso onde puideron deixar voar a súa imaxinación e creatividade coa presentación dunha fotografía vencellada coa temática deste ano do Día Mundial do Medio Ambiente, a reconstrución de ecosistemas. Asemade, todo o alumnado que participou presentou esta fotografía nun marco realizado con materiais de refugallo. Trátase dunha actividade onde quedou patente a vea artística destas pequenas e pequenos.

O acto de entrega dos premios tivo lugar o venres 25 de xuño, Día da xente do mar, ás 12:30 no salón de actos do Puerto de Celeiro.

 

Esta iniciativa é froito do acordo de colaboración entre o CEIP de Celeiro e PUERTO de CELEIRO S.A OPP-77, para promover actividades que contribúan a concienciar ao alumnado de Celeiro sobre o medio ambiente mariño, e o coñecemento da realidade económica e social da súa contorna e dos produtos de pesca e está financiada polos fondos FEMP a través do PPeC 2021 da OPP77.

No hay comentarios: