31/3/14

Exposición Día do Libro Infantil e Xuvenil

O rincón expositor da Biblioteca xa ten novos libros, neste caso pertencen a autores coma Hans Christian Andersen, Irmáns Grimm e outros.
Na seguinte PÁXINA atoparemos moita máis información.

Traballos en familia. Día do Libro Infantil e Xuvenil


No mes de abril celebramos o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) e o Día do Libro (23 de abril); no mes de maio As Letras Galegas
Por iso, dentro do proxecto da Biblioteca Escolar e en colaboración coas bibliotecas doutros centros da Mariña,   como en cursos pasados (“Lembrando o pasado” e “Unha primavera de poemas”), propoñemos ás familias a súa participación nunha actividade que leva por título:

“DE AQUELES CONTOS…NOVOS FINAIS”

Esta actividade ten como obxectivo a posta en valor da LITERATURA CLÁSICA, importante na formación de hábitos lectores, no desenvolvemento de valores, gustos literarios e tamén no desenrolo da creatividade como elemento fundamental nunha sociedade en constante cambio.
Por iso enviámosvos o folio cun conto clásico resumido para que sexa lido en familia e despois de comentado buscarlle un final novo e diferente, que escribiredes pola parte de atrás xunto coa realización dunha ilustración ou obra plástica a realizar con técnicas libres (collage, debuxo, manualidade…). 
Cada ano vides presentando traballos ben bonitos !!!

O traballo entregarase ao titor ou titora á volta das vacacións de Semana Santa; cos mesmos faremos unha exposición no colexio e na semana do 12 ao 16 de maio, unha exposición conxunta de todos os centros participantes, na Sala de Usos Múltiples do Concello de Viveiro. Esta exposición contará con actuacións variadas dos alumnos e alumnas dos centros e poderá ser visitada polas familias.

27/3/14

TEATRO ESCOLAR


Hoxe celébrase o 
Día Internacional do Teatro.
Dende o curso 93-94 o centro vén desenvolvendo esta actividade extraescolar (baixo a direción do profesor Vicente Míguez) con ensaios ordinarios todos os xoves de 5 a 6 da tarde. A fin de curso represéntanse as obras, primeiro no colexio e logo, para os pais e público en xeral, no Centro Sociocultural (Casa do Forno). Ás veces tamén temos saído co teatro para actuar no Club de Xubilados de Viveiro, no Asilo, no Xeriátrico, nas festas patronais de Celeiro e de Covas, e sobre todo, no Teatro Pastor Díaz.
Este ano son 23 alumn@s os que participan nesta actividade que tén como obxectivos explorar as capacidades psicomotrices, traballando a vocalización, a memoria, comunicación cara ao público, autoestima, socialización e posta en escena. De paso, transmítese un valor cultural aos nen@s.
Entre outras obras de teatro téñense representado os seguintes títulos: E por riba o sol, Reality a chou, Os tres Reis Malos, Piratas de Caribe, Casa Macho e Mamma mía, que circo! Este curso escenificaremos Pasatempos.

20/3/14

Rincón da Bibliosoños

Libros de poesía para a Hora de Ler:

19/3/14

Traballando a Poesía

Este ano para conmemorar o DÍA DA POESÍA imos levar a cabo unha actividade relacionada tamén co DÍA DA ÁRBORE:

"APADRIÑA UNHA ÁRBORE"
Cada curso elixirá unha árbore das que temos no entorno do noso colexio e adicaralle unha poesía, ben de creación propia ou de autor coñecido e ademais faralle unha ilustración.
Cos traballos faremos unha exposición e logo con algúns dos poemas seleccionados elaboraremos un pequeno libro.
Tamén faremos unha sesión de recitados a carón das árbores apadriñadas o venres, 21 de marzo.
  • 4º Infantil: Camelio
  • 5º Infantil: Limoeiro
  • 6º Infantil: Oliveira
  • 1º curso: Loureiro
  • 2º curso: Castiñeiro
  • 3º curso: Acivro
  • 4º curso: Pereira
  • 5º curso: Carballo
  • 6º curso: Níspero
  • Aula de Inglés: Piñeiro
  • Aula de Música: Roseiras e plantas en xeral.

18/3/14

Traballo documental

Os alumnos e alumnas do 3º ciclo veñen de presentar os seus traballos realizados despois da saída para visitar a lonxa de Celeiro, dentro do programa "Mariñeiros por un día".


14/3/14

Fomento da lectura

Hoxe levamos a cabo dúas actividades coas que intentamos fomentar a lectura entre os noso alumnado:
  • Por un lado os alumnos e alumnas de 4º curso renovaron as súas "mochilas viaxeiras" con novos libros e materiais para que sigan disfrutando da lectura en familia.
  • Tamén fixemos entrega dos e-reader (lector electrónico) nas aulas de 5º e 6º curso, acompañada dun díptico informativo e dunha breve explicación por parte das responsables das TIC e da Biblioteca Escolar.
Esperamos que estas accións servan para fomentar o gusto pola lectura!!!



11/3/14

Poñemos en marcha os libros electrónicos

Asistimos na actualidade a importantes cambios na forma de presentar os textos e de acceder á súa lectura, coa incorporación de novos soportes e novos artefactos (lectores electrónicos, tabletas, e outros), que cómpre ir introducindo na biblioteca escolar, co fin de que o alumnado poida coñecer de primeira man, e coa orientación do profesorado, os novos soportes.
Porén, a incorporación dos lectores electrónicos nas bibliotecas conleva certa complexidade, pois a industria editorial e a industria tecnolóxica está aínda probando soportes e formatos, e procurando solucións a problemas que se presentan. Unha das incógnitas por resolver é a mellor fórmula para realizar os préstamos de lectores e de libros electrónicos no contexto específico das bibliotecas dos centros de ensino. Entre tanto, é desexable que o noso alumnado teña acceso a estes soportes e que o profesorado poida probar as posibilidades que ofrecen, na mellora da competencia lectora e no de- senvolvemento de hábitos de lectura, ámbolos dous obxectivos do Proxecto Lector de Centro.
Comezamos a nosa andaina poñendo en marcha este tipo de lectura nos cursos do 3º ciclo.
Na presentación podemos ver a información que recibirán os alumnos e alumnas.

10/3/14

Anxo Moure no colexio

Hoxe, despois do recreo, imos ter dúas sesións (unha para Infantil e 1º curso e outra os demáis cursos de primaria) co contador de contos ANXO MOURE que nos presentará  o libro:

"A XACIA LUVIÑAS"

http://www.rios-galegos.com/venasgxacia.htm

A historia ensina aos nenos e nenas a non pelexarse, a coidar dos ríos e sobre todo a acariciar. Conta as lendas que os xacios e as xacias son seres medio humanos, medio peixes, que vivían nos pozos dos ríos.

28/2/14

Hoxe é o gran día!!!

Venres, 28 de febreiro:

Chegamos ao colexio con moita  ilusión pois imos estar de festa, bueno, primeiro toca traballar un pouco!!!, e a partir das 11:30 horas, celebraremos a nosa particular "Festa de disfraces do Entroido". (Este ano xirarán en torno ao Antigo Exipto)
 Este é o programa:
  • Merendola con larpeiradas antroideiras e chocolate, para poñer bon corpo!
  • Desfile polas rúas do Chao, se vai bo tempo; se chove farémolo no Pavillón do colexio "Enrique Basanta".
  • Ao regresar, no patio do colexio, cantaremos as cancións que estivemos preparando esta semana:
    • Canción do Entroido.
    • A maxia do Carnaval.
    • As momias de colores
    • Drilo, o crocodrilo.
  •  A continuación, pasarémolo moi ben facendo o "Baile da escoba".
  • Tamén teremos tempo para xogar e disfrutar dos nosos disfraces.


25/2/14

O pavillón do colexio xa ten nome: Enrique Basanta

O pasado sábado, 22 de febreiro levouse a cabo a colocación da placa que dá nome ó pavillón escolar de Celeiro: Pavillón Enrique Basanta. O nome non se debe só á grandeza de corazón de Quique, non só a unha expresión de afecto para quen colaboraba anonimamente coas escolas deportivas, senón por un acto de xustiza coa xente de ben que fai pobo.  
Con numerosísima presenza de autoridades, representantes de Educación, familiares e veciñanza asistimos a un acto emotivo que presentou Jesús Timiraos Teixeira como Presidente das Escolas Deportivas e no que interviron Antonio Ferreiro, director do colexio Pedrosa Latas, e María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, quen descubr¡ría a placa entre o emocionado aplauso do público.

 Enlazamos co vídeo que realizaou o veciño de Celeiro, José Antonio Abella. Moitas grazas polo teu traballo

21/2/14

Día de Rosalía de Castro

O luns, 24 de febreiro, celebramos o día de Rosalía de Castro. Ese día pasaremos pola Bibliosoños para facer unha celebración máis especial pero, xa levamos días preparando os traballos como este vídeo especial do poema "Pasa, río, pasa, río" do seu libro Cantares Gallegos.


19/2/14

Centenario de Xosé María Díaz Castro

O mércores 19 de febreiro celébrase o centenario do nacemento do poeta Xosé María Díaz Castro, a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas.
Na Bibliosoños xa temos unha páxina adicada a súa figura e obra, podemos vela neste enlace:

18/2/14

Teatro no colexio

Hoxe  os alumnos e alumnas de Primaria poidemos disfrutar  dunha sesión de Teatro por xentileza da Editorial Santillana.

A obra titúlase "A súa vida".
Compañía: Leda Teatro.

Que ben o pasamos! Foi unha representación estupenda!!!

Rincón das Celebracións

Na seguinte presentación de fotos podemos ver o Rincón das Calebracións:
  • 21 de febreiro, DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA
  • 24 de febreiro, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
  • 28 de febreiro, Festa de Entroido no Colexio.

17/2/14

Día Internacional da LINGUA MATERNA

Un ano máis, a Xunta de Galicia e a RDL súmanse á celebración do Día Internacional da Lingua Materna. Unha celebración que busca lembrarnos o valor das linguas, independentemente do número de falantes que teñan, para asegurar a diversidade cultural, contribuír ao coñecemento humano e potenciar a participación de todas as persoas na construción de sociedades democráticas.
Cada 21 de febreiro, a UNESCO chama a nosa atención sobre a importancia de usarmos e transmitírmoslles ás novas xeracións as linguas autóctonas de cada lugar e, este ano, destaca o seu papel como medios de acceso ao saber e de produción de coñecemento científico.
A mensaxe do Día Internacional da Lingua Materna 2014 é que todas as linguas humanas, e por suposto o galego, teñen o mesmo potencial para seren vehículo de investigación e de divulgación científica.

16/2/14

DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA

https://www.un.org/es/events/motherlanguageday/

Dende o 21 de febreiro de 1952 celébrase o Día Internacional da Lingua Materna, coincidindo coa demanda dun grupo de estudantes en Bangladesh que reclamaba que a súa lingua materna, o Bangla, fose recoñecida como lingua oficial.
Para lembrar a importancia desta data  presentámosvos este vídeo de Manuel Bermúdez Blanco, do Equipo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago.

11/2/14

Xuntos podemos facer unha internet mellor

http://www.diainternetsegura.es/
 Para traballar en familia
Clica na imaxe para ter máis información

O Día Internacional do Internet Seguro é un evento que se realiza cada ano no mes de febreiro, co obxectivo de promover en todo o mundo un uso máis responsable e seguro das tecnoloxías. Este ano é o 11 de febreiro de 2014.


Debemos reflexionar sobre a relevancia que o Internet ten na nosa vida.

Para logralo, hai varias configuracións e opcións de seguridade que garanten que a información e identidade dixital están no noso dominio.

10/2/14

Exposición no mes de febreiro

Máis libros novos que chegan á BIBLIOSOÑOS.