25/4/19

A POESÍA QUE SENTIMOS

https://sites.google.com/site/plamblaamarina/curso-2018-2019

Estimadas familias:
Un ano máis queremos propoñer ás comunidades educativas dos centros que formamos a “Microrrede das Bibliotecas PLAMBE da Mariña” unha nova actividade, con motivo das celebracións nos meses de abril e maio, Día do Libro e Día das Letras Galegas,  que nos recordan a necesidade do fomento e dinamización da cultura, entendida como un ben común que propicia unha sociedade máis humana, igualitaria, crítica e libre.

O lema deste curso é A POESÍA QUE SENTIMOS

A poesía está por todas partes, o que importa é explorar para descubrila. A biblioteca escolar é un lugar privilexiado para estimular esa mirada que xogue a descubrir a poesía que se agocha nas paisaxes, na música, no cine, nunha noite estrelada, no baile do vento na herba, nos seres minúsculos que só podemos ver a través do microscopio, nesa música que engaiola, na palabra dos poetas, na tradición oral, nun texto que nos traspasa e nos obriga a mirarnos, nesa persoa que nos axuda a abrir os ollos para ver o que nos rodea, no último descubrimento científico, nesa voz que nos fala, nese abrazo que nos agarima…

No colexio estamos a traballar no proxecto documental AO ABEIRO DOS NOSOS MONTES, polo que buscamos eses poemas dedicados aos montes, árbores, flores, plantas, animais e todo o relacionado co mundo dos montes.

O traballo realizarase na cartolina que achegamos; primeiramente terán  que recortar a forma da folla, logo terán que escribir o poema e finalmente realizarán a parte plástica.
--Parte literaria: farase pola parte en branco e escribirán un  poema en galego sobre o tema (tamén pode ser de creación propia).
--Parte plástica: por ambos lados e que se relacione co poema. Poderase utilizar calquera técnica e materiais.

-Coma en anos anteriores, este traballo, é para facer en familia, polo tanto animámosvos a participar e desenrolar esa creatividade que sabemos que tedes, pedindo que os traballos veñan con boa letra, ortografía e presentación.
-Os traballos entregaranse ao titor ou titora, rematando o prazo de entrega  o venres, 26 de abril.
-Os traballos expoñerémolos no colexio e logo formarán parte da exposición que se fará en Viveiro (do 4 ao 6 de xuño), xunto cos demais colexios que forman parte da “Microrrede das Bibliotecas PLAMBE A Mariña”.

No hay comentarios: