29/4/11

Actividades para conmemorar o Día do Libro

Para Conmemorar este día tan importante todos os ciclos fixemos actividades nas aulas e tamén na Bibliosoños.



Fixemos dous libros, un de Infantil e outro de Primaria,
coas fichas dos libros que limos nas vacacións.

26/4/11

23 de abril, DÍA DO LIBRO

O pasado sábado, 23 de Abril, tivemos unha cita co mundo do libro, colleunos en plenas vacacións de Semana Santa por iso, agora que voltamos ás clases, faremos actividades para celebrar esta data tan importante.
Mañá mércores, 27 de abril, farase a entrega do Premio Cervantes 2010 á escritora Ana María Matute, tal e como xa o comentamos neste blog.

11/4/11

A Bibliosoños nos Encontros do PLAMBE

O pasado venres, como coordinadora da Biblioteca, asistín aos Encontros do Plan de Melloras de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).
Comenzaron coa  exposición de Teresa Maña e Mónica Baró sobre""Avaliar para avanzar. Prácticas de autoavaliación na biblioteca escolar"
Despois baixo o título de "Literatura en imaxes" houbo sesións simultáneas sobre experiencias con cine ou banda deseñada nas bibliotecas.
Pola tarde xuntámonos por zonas. Na zona de Lugo somos unhas 30 Bibliotecas Escolares as que pertencemos ao PLAMBE.

Máis estes Encontros estarán sempre marcados por un peche moi especial, un peche extraordinario a cargo de D. Xosé Neira Vilas, quen, en palabras de Pilar Sampedro na súa presentacion é "o único clásico que aínda queda vivo" quen, "sempre amosou o seu compromiso con Galicia e a súa mocidade" e que grazas a xente como el "Galicia ten un lugar no mundo".

E que se pode engadir sobre un dos grandes do noso país que non se dixera xa?

Foi un verdadeiro placer escoitar a súa lembranza daquela escola rural a 8 km. da casa e cunha biblioteca chea de "vidas de santos".  Do seu gosto dende ben neno pola lectura. Dos libros agochados baixo as tellas. Dos cartos gañados "honradamente" para mercar máis libros. Daqueles libros mercados contra rembolso e do consello do seu pai "pide libros, pero con moderación"...

Da emigración a Arxentina, "emigro, en certo sentido, para achegarme aos libros", e a súa primeira relación alí coas bibliotecas escolares ás que lles doaba os libros que mercaba nas librerías da Praza de Maio. O seu apadriñamento en Cuba do Colexio Concepción Arenal.

A súa labor á fronte da Editorial Follas Novas cuxo obxectivo era o de difundir a Literatura Galega. A publicación da revista "Zunzún" e a súa relación tan estreita e persoal cos lectores. As actividades de fomento da lectura que levaban a cabo e segue a levar dende a súa Fundación...

Neira Vilas falou as súas "experiencias persoais arredor do libro e a lectura" e coa presencia constante da súa compañeira Anisia con quen compartiu vida, soños e proxectos. Unha lembranza que nos fixo emocionar fondamente acompañada pola figura de Balbino "   Memorias dun neno labrego" do que se está a celebrar o  cincuentenario da súa publicación e que supuxo o comezo da literatura xuvenil en galego, "aínda que non fora escrita para nenos".

Con este grande das nosas letras rimos e choramos, compartimos lembranzas e o seu amor pola nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua.
Grazas Don Xosé!!
Os materiais sobre as distintas exposicións pódense atopar AQUI. Entrade como convidado. Tamén están os vídeos das conferencias. 

Si queres saber máis sobre o tema:
BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA




5/4/11

Convocatoria Plan de mellora de bibliotecas escolares 2011/2012

O DOG do 5 de abril fai pública a Orde do 17 de marzo de 2011 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación e O. Universitaria, para o curso 2011/2012. Seleccionaranse 75 novos centros e, así mesmo, poderán continuar no programa aqueles centros xa integrados que presenten a documentación oportuna e acaden valoración positiva na memoria do presente curso 10/11. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación, en virtude do Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares, un programa de cooperación entre as dúas administracións educativas, iniciado en 2005. O prazo de presentación de solicitudes e de documentación é de un mes, rematando pois o cinco de maio. 

Quentando motores.... o vindeiro 7 e 8 de abril reunirase en Santiago de Compostela o profesorado responsable das bibliotecas  integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, un programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, e que inclúe neste curso un total de 374 centros públicos de distintos niveis educativos.
Será ocasión para profundizar no modelo da biblioteca escolar que se está a estender, como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Incidirase nos instrumentos que Internet pon a disposición das bibliotecas para o exercicio das súas funcións e facilitar a formación da competencia informacional do alumnado, e falarase de lectura e de poesía: cine e banda deseñanda centrarán as experiencias dos centros, que se presentarán en mesas simultáneas. Tamén será oportunidade para o encontro entre os membros dun colectivo que están a facer realidade as pequenas utopías que son todas e cada unha das bibliotecas escolares galegas.