25/9/15

HORA DE LER

Na súa HORA DE LER, os alumnos e alumnas de 5º curso de Primaria están a ler A coroneliña.
Este fermoso título é o resultado de traducir, por primeira vez ao galego, a sonada obra de Annie Fellows Johnston (1863-1931), unha escritora estadounidense nacida en Indiana.
O argumento de The little Colonel, obra escrita no 1895, está inspirado nunha personaxe real, Cochran Hattie, que a autora coñeceu en Pewee Valley (Kentucky). A historia, que transcorre na época da Guerra Civil americana, trata do afastamento entre un vello coronel e a súa filla, e dos esforzos da pequena “coroneliña” para que se reconcilien.


24/9/15

A Bibliosoños comeza a súa actividade cos nenos e nenas de infantil

Os nenos e nenas de 5º de Infantil xa pasaron pola Bibliosoños para ler e escoller un libro para levar as súas casas e ler en familia.


23/9/15

Comezamos coas exposicións de libros

No rincón das Exposicións xa podemos ollar as suxerencias da BIBLIOSOÑOS.
  • Libros novos (Adquisición de fondos)
  • Comeza o outono
  • Unha colección interesante

22/9/15

Entrada extraída do Blog das Bibliotecas Escolares de Galicia

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/802
"Biblioteca escolar, base de exploracións" é o lema elixido este curso para o cartel da campaña anual de bibliotecas escolares que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, enviará en breve a todos os centros públicos como reforzo das actuacións da biblioteca escolar e para apoiar a visibilidade dos seus recursos e das súas oportunidades de aprendizaxe. 
A imaxe do cartel responde á interpretación que deste lema fixo o ilustrador e autor de cómic FRAN BUENO,  e ten suficiente carga simbólica e información como para espertar o interese do alumnado.
En efecto, a biblioteca escolar pode ser a base desde a que explorar o mundo real, pero tamén os mundos imaxinarios; os materiais impresos e os recursos electrónicos achégannos informacións sobre todo aquelo que queremos coñecer e comprender; é un espazo para a investigación individual e para o traballo en equipo; é un espazo integrador cheo de oportunidades de aprendizaxe.
O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións" chama a traballar coa información, a mirar fóra, a facerse preguntas e pescudar posibles respostas, a interesarse polo outro, polo diferente, polo alleo; a estudar xeografías e inventar rutas para novas aventuras; a coñecer as viaxes que fixeron os grandes exploradores e aquelas outras que, cada día, bota ao camiño a milleiros de persoas na procura dun mundo máis xusto. Convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido. 

10/9/15

Comeza un novo curso no colexio de Celeiro!

Comeza un novo curso!
O primeiro día está cheo de moitos e diversos sentimentos tanto para os nenos e nenas como para os papás e mamás.
Este vídeo que presentamos recolle a chegada ás novas aulas. 
Feliz curso tanto para ás familias como ao profesorado!

9/9/15

Resolución definitva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares - PLAMBE 2015/2016

O DOhttp://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/G de hoxe, 9 de setembro, publica a Orde de 1 de setembro de 2015 coa resolución definitiva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de titularidade da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2015/2016. 
O PLAMBE é un programa iniciado en 2005 que está a impulsar a transformación das bibliotecas escolares en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Pero máis aló dos recursos, as bibliotecas son un instrumento esencial para a innovación educativa na medida en que propician e lideran a utilización de metodoloxías activas, a integracións das TIC en contextos reais de aprendizaxe e o traballo por proxectos.
 
As bibliotecas  facilitan oportunidades de aprendizaxe en moi distintos ámbitos e son un espazo de encontro entre os diferentes membros da comunidade escolar. O seu funcionamento é esencial para o desenvolvemento do currículo pois apoia a todas as áreas e materias, non só cos recursos informativos que proporciona, senón tamén coas actividades que organiza en beneficio de toda a comunidade escolar. A lectura, entendida en sentido amplo, como alfabetización múltiple, a lectura do século XXI, é a base de todas as actuacións da biblioteca, pero tamén son fundamentais as actividades relacionadas co mundo da información. O alumnado precisa de forma urxente ser formado no uso, tratamento, aproveitamento e produción da información, nos múltiples formatos e soportes nos que hoxe se presenta na sociedade.
 
O Plan de mellora de bibliotecas escolares facilita recursos, formación e obxectivos comúns a un profesorado interesado en facer da súa biblioteca un espazo de aprendizaxe, en liña coas esixencias da normativa educativa vixente. Un total de 575 centros públicos forman parte desta "rede de bibliotecas escolares" de Galicia.