26/4/13

Vai vir á nosa Biblioteca: Abraham Carreiro


O luns, 29 de abril vainos visitar  

BIOGRAFÍA:
Abraham Carreiro Fernández. Vigo 1981.
Cursei catro anos de estudos en Artes Gráficas na escola Joso de Barcelona e un ano de especialización en ilustración de libros na escola Massana.
Actualmente traballo como debuxante, ilustrador e deseñador gráfico. Ademais de Xoeliki as aventuras dun ciberpirata, teño publicados: A colección Contos que len outros nenos do mundo; A fortuna de Bartolomeu ; Un sol de Mascota; Xanardán e a becha ; Grandes contra pequenos ; O corvo do chapapote; Os pequenos Barbanzóns ( Ed. Toxosoutos); a mascota Lepi, para a biblioteca do concello de Ames; a revista dixital de humor gráfico “kkrak rebélase o galiñeiro”; debuxos para o cómic da revista Podem; viñeta mensual para a revista Tempos Novos e a historia de cómic Juppy que Vicio premiada no salón de Historias em Quadrinhos de Sao Paulo.
O conto infantil As espiñas do porco espiño da colección Contos que len outros nenos do mundo, foi premiado polos nenos e nenas na oitava edición do Premio Literario Frei Martín Sarmiento na categoría infantil.

23/4/13

Celebramos o DÍA DO LIBRO


Na BIBLIOSOÑOS fixemos unhas sesións de Formación de Usuarios por ciclos. Dentro do blog hai unha páxina especial na que podemos atopar moita información sobre o Día do Libro, de Miguel de Cervantes, vídeos, xogos...
Todas as actividades realizadas nas aulas tamén as podemos ver neste enlace.


18/4/13

23 de abril. Día Mundial do Libro

"Este día brinda a oportunidade de reflexionar xuntos sobre o mellor xeito de difundir a cultura escrita e de permitir que todas as persoas, homes, mulleres e nenos, accedan a ela, mediante a aprendizaxe da lectura e o apoio ao oficio da edición, as librarías, as bibliotecas e as escolas. Os libros son os nosos aliados para difundir a educación, a ciencia, a cultura e a información en todo o mundo".
 (Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO co gallo da celebración do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, o 23 de abril de 2013)  


 Coma en anos anteriores, e para celebrar este Día Mundial do Libro o vindeiro 23 de abril de 2013, edítase un marcapáxinas cun texto orixinal co que unha autora, neste caso PAULA CARBALLEIRA (narradora oral, escritora, actriz, directora de teatro), agasalla ás Bibliotecas Escolares de Galicia. Paula escribiu un texto no que destaca as potencialidades do libro para atraer aos lectores máis novos, mesmo a aqueles que (en principio) ofrecen máis resistencias. Esta edición conta coa colaboración do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e foi distribuído entre as bibliotecas do Plan de mellora de bibliotecas escolares. Pódese descargar AQUÍ 

Texto recollido do blog BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

16/4/13

Un libro moi interesante

Temos un novo libro na Biblioteca


TASTARABÁS

A memoria dos xoguetes: facer un bazar coa natureza. Reportaxe de Otero Ricart sobre «Tastarabás, de Antón Cortiza. 

 

 O xornal Faro de Vigo publicou no suplemento Estela unha reportaxe de J. A. Otero Ricart sobre Tastarabás, de Antón Cortizas, a enciclopedia dos xoguetes e brinquedos tradicionais

"Agora os nenos non saen á rúa a xogar de forma natural, como sucedía fai unhas décadas, por iso estanse a perder moitos dos nosos xoguetes de enxeño tradicionais"

O profesor ferrolano Antón Cortizas, que se considera "un neno grande", recompilou máis de mil deses brinquedos galegos nun libro que constitúe toda unha enciclopedia. "Afortunadamente non está todo perdido", sinala; "aínda quedan pícaros, por exemplo, que saben facer avións de papel".

8/4/13

Nova colección dos BOLECHAS

Esta semana entrou na nosa Biblioteca esta fermosa colección sobre OS BOLECHAS, da editorial BOLANDA.
Son 12 libros con pictogramas de fácil lectura para facilitar unha rápida comprensión do texto, sendo moi axeitados para lectores noveis ou para persoas con dificultades para accederen á lectura.

2/4/13

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Desde 1967, ao redor do 2 de abril, día do natalicio de Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil co ánimo de inspirar o amor polos libros e para chamar a atención da comunidade sobre os libros para nenos.

Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser o patrocinador internacional do día do libro infantil. Esa Sección elixe un tema e invita a un autor importante do país a escribir unha mensaxe para os nenos do mundo e a un recoñecido ilustrador para o deseño dun póster. Estes úsanse de diferentes xeitos para a promoción dos libros e a lectura. Moitas Seccións de IBBY promueven o día do libro infantil a través dos medios e organizan actividades en colexios e bibliotecas públicas.