21/12/21

BO NADAL E FELIZ ANINOVO

Hoxe comezamos as vacacións con esta felicitación:




E onte disfrutamos dun final de trimetre con xogos, cine e bailes


Chega o tempo de descansar e estar en familia. 

Coidádevos moito e disfrutade 
Vémonos o vindeiro ano!

20/12/21

OS NOSOS TRABALLOS POLO NADAL

 Na seguinte presentación podemos ver todos os vídeos cos traballos realizados polo alumnado para ambientar o Nadal; as panxoliñas cantadas e bailadas e a dramatización do alumnado de 6º de Infantil "Cando os Grinch roubaron o Nadal".




19/12/21

POSTAIS E AGASALLOS

Nestas datas estamos a recibir varios agasallos e destacamos os recibidos polo centro de Alzheimer de Celeiro. 

Os nenos de 3º e 4º de Ed. Primaria levaron a cabo un intercambio de postais e eles recibiron unha fermosa estrela realizada polos usuarios do Centro de Día.


 

 

Tamén, recibimos unha postal do CEP Lois Tobío, cuns adornos feitos polos nenos  para colgar na nosa árbore de Nadal.



17/12/21

AS NOSAS RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA ESTE NADAL

Velaiquí tedes as nosas recomendacións lectoras para este Nadal



14/12/21

Entrevista a Vicente Míguez Salgueiro

 

Na mañá do luns, 13 de decembro, o exprofesor do noso colexio, Vicente Míguez Salgueiro, fíxonos unha visita pois o alumnado de 6º curso de Primaria realizoulle unha entrevista na Radio "Rufosoños".

Esta actividade está enmarcarda dentro do proxecto "Coñecemos Celeiro"

Vicente, ademais de mestre, é un gran coñecedor do noso pobo pois participou é particia na vida social e cultural de Celeiro formando parte de diversas asociacións locais. Tamén é escritor:

  • Coñece Celeiro, porto punteiro, Conto. Coautor con Xoán Neira.
  • De azul olvido (1998), Novela.
  • A lúa deitada en Porto Norte (2011), Novela.

Ámbalas dúas obras vencelladas á pesca nos portos do norte lugués.

  • Un alpendre de sombra e luar. A escola literaria da Diocese de Mondoñedo-Ferrol. Participa en esta obra colectiva coordinada por Félix Villares Mouteira.
  • Corredactor de  Galicia, un país de paisaxes. (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia).
  • Coautor con Andrés Díaz Ferro.
  • Conserveiras de Celeiro, Vicedo, Bares e Barqueiro (a xénese industrial). Obra de investigación sobre as fábricas da conserva ao longo do século XX nas rías de Viveiro e do Barqueiro, 2018. Coautor con  Carlos Nuevos Cal.

Dende 1994, director e autor de once obras de teatro escolar.

No día de hoxe o alumnado de 6º curso fíxolle a unha entrevista que queda recollida  no seguinte vídeo




10/12/21

TEATRO POLO NADAL invitados pola ANPA do colexio

 

Na mañá do venres, 10 de decembro, todo o colexio acudiu ao Teatro Pastor Díaz de Viveiro para ver  o espectáculo da compañía MOC MOC, invitados pola ANPA do cole.

A actuación fíxonos reflexionar sobre  a cantidade de  agasallos que soemos pedir polo Nadal e que compartir é moito mellor.

Despois do teatro fumos visitar o gran Belén e fixemos un percorrido polas rúas de Viveiro, aproveitando un pouco de bo tempo.


Pasámolo moi ben! 

Dámoslles as grazas a ANPA por ofrecernos este agasallo tan especial.




8/12/21

O OUTONO

Cando o outono fai a súa aparición con el adoitan chegar as primeiras choivas, os ventos e as temperaturas máis frías.
É entón cando comezan a resultarnos irresistibles os pratos de alimentos propios desta época (cabaza, cogomelos, etc...) ademais dos pratos de culler ben quentiños.
Por isto e para dar a coñecer os alimentos propios desta estación, os nosos nenos/as pasaron a ser cociñeiros/as e elaboraron as súas receitas do outono, que recopilamos nun libro que quedará exposto na nosa biblioteca.
No seguinte vídeo, podedes ver: unha pequena mostra destas receitas tan apetitosas (pero temos moitísimas mais) e os murais tan bonitos que elaboraron, acompañados pola canción do "Outono" do poema de Xóan Neira, interpretada tamén polos nenos/as do noso cole.




3/12/21

3 de decembro, DIA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Biblioteca Inclusiva, todos os días do ano

O 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co obxectivo de promover os seus dereitos e o seu benestar en todos os ámbitos da sociedade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural. Asegurar que poidan exercer os seus dereitos, sen ningún tipo de discriminación, é a nosa prioridade.

E para concienciar ó noso alumnado, durante esta semana fixemos as seguintes actividades:

 

  • Exposición de libros inclusivos.
  • Lectura do conto "Supernenos"
  • Elaboración de dous cadros-murais dos alfabetos: Dactilolóxico e Braille.
  • Canción "Bos Dias" na linguaxe de signos.



CHARLA INFORMATIVA SOBRE O ALZHEIMER

 

Na mañá do venres, 3 de decembro, persoal do Centro de Día Alzheimer Celeiro (a enfermeira, Rocío e o psicólogo sanitario, Carlos) impartiron unha charla informativa para o noso alumnado de 5º e 6º curso de Primaria.

Esta actividade forma parte do Programa Interxeracional entre o Centro de Día de Celeiro e o no colexio que se desenvolverá durante o presente curso.

As nenas e nenos responderon a cuestións previas que lles fixeron tanto Rocío como Carlos e despois da charla informativa poideron realizar preguntas sobre o tema, do cal están moi sensibilizados, pois a maioría tiveron ou teñen familiares afectados polo Alzheimer.




2/12/21

SUPERNENOS

Nesta semana dedicada a diversidade funcional, presentámosvos o conto de "Supernenos" narrado en galego polos nenos do noso cole. Esta é unha bonita historia que axuda a concienciar aos máis pequenos de que as diferenzas non nos separan, senón que nos unen. O conto pretende cambiar a forma de ver a discapacidade e lanzar unha mensaxe de respecto, integración e tolerancia cara aos nenos e as nenas con diversidade funcional. Esperamos que vos guste tanto coma a nós!


30/11/21

SUPERARTE con Charo Pita

 Hoxe tivemos a visita no noso cole de Charo Pita, escritora galega de moitísimas obras, dentro da iniciativa do Concello de Viveiro "Superarte"

Os alumnos/as de 3º e 4º puideron disfrutar do relato do seu conto "A carreira", que nos conta a historia dun neno con TEA.

O próximo venres, 3 de decembro, celebramos o Día Internacional da Discapacidade e son varias a actividades que estamos realizando esta semana, sendo esta unha máis, co fin de concienciar ó noso alumnado da diversidade do ser humano e igualdade de oportunidades.



25/11/21

25N, NO CEIP DE CELEIRO

O día 25 de novembro, a comunidade educativa deste centro escolar conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Nesta data queremos reclamar a atención da sociedade e dos gobernos sobre o feito de que a violencia contra as mulleres e as nenas é unha das formas de violencia máis estendida no mundo. 

Asemade, queremos manifestar o noso compromiso de traballar para previr a violencia contra as mulleres en todas as súas manifestacións e combater calquera outro tipo de violencia:

  • Facer respectar os dereitos das mulleres e das nenas. 
  • Opoñerse a todo tipo de violencia contra as mulleres tanto física como verbal. 
  • Aprender a relacionarnos respectuosa e solidariamente. 
  • Utilizar modelos e mensaxes cooperativos e dialogantes.

 

22/11/21

#retoinvestigamos #Accion25VozNatura

 Hai 25 anos, Voz Natura chegaba ás aulas de centros educativos de toda Galicia. O programa de educación ambiental creado pola Voz e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces nacía con dúas premisas: concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de preservar a natureza e levar a cabo acciones desde as aulas. Hoxe, un cuarto de século despois, esa misión segue máis presente que nunca e xa son 365 os centros adscritos ao programa.  MÁIS INFORMACIÓN AQUÍ

Este mes de novembro o eco reto proposto polo 25 aniversario de Voz Natura é o #RetoInvestigamos.Xa que o Proxecto Documental deste curso ten como obxectivo coñecer a nosa parroquia, Celeiro, os nenos e nenas de 4º de Primaria asumiron o reto facendo unha pequena investigación sobre a agricultura en tempos dos seus avós. Neste video podedes ver o resultado da mesma.


 

18/11/21

20 de novembro DÍA DOS DEREITOS DO NENO

O 20 de novembro, é O Día Universal do Neno.

É un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo, é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos máis desfavorecidos e para dar a coñecer os dereitos da infancia co fin de concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.

Presentamos a continuación, un resume explicado para todos os nenos/as,  de cales son os seus dereitos e os seus deberes.




17/11/21

EXPERIMENTAMOS...

 Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2021

Esta semana os nosos nenos/as están a experimentar nas súas aulas.

Están a aprender moitas cousas, xogando, gozando e experimentando.

Nos seguintes vídeos, podedes ver unha pequena mostra dos seus experimentos.




Nenos/as de 1º  Ed.Primaria



Nenos/as de 2º  Ed.Primaria



Nenos/as de 4º  Ed.Primaria




16/11/21

Viveiro Sostible

 Fai uns días recibimos a visita de Lucas Requejo e Iván Fernández para regalarlle a cada neno/a do noso cole, unha postal co lema de  "Viveiro Sostible". Trátase dunha iniciativa educativa  creada para facer de Viveiro unha escola de vida sostible para os nenos/as viveirenses.

Aproveitando a visita, deixáronos uns paneis expositivos sobre o coidado do mar.....que nos recorda o importante que é non tirar lixo ao mar e coidar as augas da nosa vila mariñeira.

O alumnado de segundo de primaria, aproveitado estas postais, decidiu envialas por correo as súas familias con mensaxes de gratitude por habelos ensinado a coidar o noso entorno.







15/11/21

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Dedicamos esta semana no noso cole á ciencia. O noso alumnado converterase en científicos, onde nos mostrarán os seus experimentos. Nos vindeiros días colgaremos algúns dos seus experimentos.



12/11/21

O MAGOSTO DO NOSO COLEXIO!

 Na mañá do 11 de novembro, DÍA DE SAN MARTIÑO, celebramos o xa tradicional MAGOSTO que por estas datas adoitamos facer no noso colexio. Foi un día estupendo e pasámolo moi ben!!!

  •  Participamos no circuito de xogos que nos preparou a profesora  de Educación Física, Mª José.
  •  O alumnado de 6º curso de Primaria, xunto coa súa titora Susana, preparou unha coreografía.
  • Tamén nos acompañaron dous gaiteiros, o profesor de 5º, José Antonio e o pai e Antón, David.    
  •  Eles foron, coa súa música, os encargados de amenizar a degustación das castañas asadas, que aínda que estaban un pouquiño duras o sabor era moi bo. Grazas ás familias pola súa aportación.
No seguinte vídeo, podedes ver as actividades do día.


 A continuación tedes a coreografía do alumnado de 6º Ed. Primaria

Preme aqui

 

10/11/21

MÁIS NOVIDADES

Na Bibliosoños seguimos recibindo moitos libros novos!
Esperamos que gocedes deles!

Aquí tedes unha pequena mostra deles


8/11/21

OBRADOIRO DE FORMACIÓN RADIO NA BIBLIO



O luns, 8 de novembro de 2021, o alumnado de 6º curso, xunto coa súa titora Susana López e a coordinadora da Radio na Biblio, Marta Pérez, participaron no Obradoiro de Formación de RADIO NA BIBLIO impartido por Damián Alonso: 
  • Actor de voz e dobraxe e de teatro. 
  • Locutor en publicidade e documentais en radio e televisión. 
  • Membro a Asociación Cultural e Pedagóxica PONTE...NAS ONDAS! 
Foi unha mañá moi produtiva pois realizaron prácticas de locución, dicción, articulación e transmisión da voz. 
Iniciación ao manexo do programa AUDACITY. 
Elaboración dunha escaleta e realización do guión. As músicas e todo o necesario para elaborar un podcast. 
Aprenderon moito e pasaron unha mañá aprendendo de xeito diferente!
 

3/11/21

Resolución do programa Radio na Biblio. Curso 2021/22


Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se dá a coñecer a relación dos 30 centros que se integran no programa Radio na Biblio  no presente curso 2021/22, así como a relación de centros de continuidade (108). En total forman parte deste programa 138 bibliotecas escolares, distribuídas por todo o territorio galego.

O programa Radio na biblio pretende o reforzo das competencias en comunicación lingüística e medios de comunicación do alumnado, mediante a creación dunha emisora ou laboratorio de radio vinculado á biblioteca escolar e contribúe á consecución dos obxectivos  do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares,  da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

 

28/10/21

O SAMAIN XA CHEGA....

Despois da festa do Día Das Bibliotecas, estivemos preparando a chegada do Samaín.... Na aula de música repasamos as cancións sobre esta celebración e, tódalas aulas, participaron na ambientación dos corredores e da nosa Biblioteca, con moitas manualidades que elaboraron os nenos e nenas.

No seguinte vídeo poderedes ver como está o colexio cheo de pantasmas, esqueletos, cabazas, arañas.... e moitas moitas meigas, ademáis temos un castelo xigante no que mañá nos faremos moitas fotos.


Tamén, desde a Biblioteca, elaboramos unha pequena guía sobre as recomendacións lectoras para que poidades gozar lendo e tremer moito... que é do que se trata nesta data tan especial.                       Premede na imaxe


E como colofón final, o venres, 29 de outubro, fumos disfrazados ao cole e tivemos sesións de contacontos.

  • A profesora Olalla  contounos o conto "Corre, corre cabaciña" .
  • A profesora Mari o conto "O Samaín"
  • O profesor Ricardo: "O bosque das sombras".
  • O profesor José Antonio: "O meu bisavó era enterrador"

Foi un día moi especial!!!

No seguinte vídeo podemos ver un resumo desta gran celebración.


23/10/21

DIA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O 24 de outubro, celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, e... Sabedes porque adicamos un día especial ás Bibliotecas Escolares? 

Pois porque as bibliotecas escolares son moi importantes, xa que son as únicas bibliotecas polas que pasa toda a xente en idade escolar do noso pobo.

E nós temos a gran sorte de ter a nosa biblioteca, a Bibliosoños, pola que pasaron moitos dos nosos pais, nais, familiares e moitos compañeir@s e amig@s.

Por iso, aproveitando esta data, o venres, fixemos unha pequena homenaxe a nosa Biblioteca, e cada nen@ levou para a súa casa un libro que permaneceu moitos anos neses estantes e que pasou por moitísimas casas. Unha forma símbólica para que agora, ese libro, quede nunha casa e non regrese a Bibliosoños.

Ademáis dos libros, levaron unha chapa moi especial da nosa mascota Rufo. 

E como non podía faltar, recordamos a canción adicada tamén a nosa Biblioteca


 

 

 

 

Deixámosvos un vídeo resume da nosa festa.

Deixámosvos tamén un QUIZZIZ realizado polo mestre José Antonio Lozano, premede nel para xogar un pouco e comprobar o que sabedes.


 


18/10/21

Día das Escritoras 2021

O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas.
 
Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
VI Edición celébrase este ano 2021  o 18 de outubro baixo o lema "Ler as idades da vida". 

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

SELECCIÓN DE TEXTOS DE ESCRITORAS GALEGAS 

PEQUENA EXPOSICIÓN DE LIBROS 

ESCRITOS POR MULLERES 



8/10/21

XOGOS NOS PATIOS DE RECREO

 Dende o centro e en colaboración coa ANPA do colexio, estamos a elaborar un proxecto para dinamizar os patios de recreo:  

  • A idea é pintar xogos no chan que axuden a que o tempo de lecer das mañás sexa máis divertido para o alumnado.
  • Por iso pedimos a vosa opinión e especialmente a dos vosos fillos/as para elixir as actividades que vos parezan máis entretidas.

Podedes ver algunhas propostas na seguinte presentación:


6/10/21

Novidades na Bibliosoños

 Bota unha ollada ás nosas novidades!!

Estes días estamos a recibir novos libros na nosa biblioteca, así que vos animamos a que disfrutedes da lectura facendo uso deles. 

Seguro que vos gustarán moito!





2/10/21

Coñecemos a Confraría e a Lonxa de Celeiro (5º e 6º de Primaria)

Comezamos as actividades complementarias neste novo curso no que imos levar a cabo un proxecto documental que nos vai axudar a coñecer moito máis o noso pobo: CELEIRO.

O alumnado de 5º e 6º de Primaria, xunto cos seus mestres, participaron  na actividade programada pola Confraría de Celeiro: MARIÑEIROS POR UN DÍA.


A actividade consistiu na presentación da Confraría como Institución e o seu labor; tamén coñeceron de preto a lonxa, o seu funcionamento, diversas clases de peixes... Foi unha mañá moi aproveitada por todo o noso alumnado que recibiu diversos agasallos: un tríptico informativo, camisetas...

 

          PREME NA IMAXE PARA VISUALIZAR O VÍDEO         

TRÍPTICO




21/9/21

Xa temos as figuriñas de recordo!

 Fai uns anos, antes da COVID-19, convocamos un concurso de debuxo e deseño para elaborar unha figuras de recordo para entregar como agasallo aos persoeiros  que pasaran polo noso centro e nos viñeran a facer algunha actividade.

Os gañadores e gañadoras daquel concurso foron:

Sara Arias, Nuno Besada e Luis Fernández.

Encargamos a realización das figuras a ASPANANE que nos fixeron varios deseños ata chegar ao resultado final: tres pezas ben bonitas e moi traballadas.

O pasado día 16 de setembro fumos recollelas e agora presentámolas neste blog




14/9/21

Benvidos/as a un novo curso escolar 2021/22

Iniciamos un novo curso e todos os mestres/as e comunidade educativa, estamos moi contentos/as de poder formar parte da vosa formación e preparación.
Con esforzo e entusiamo, conseguiredes todo o que vos propañades. Así que, feliz inicio de curso!!


 
 

13/9/21

Resolución definitiva do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Curso 2021/2022

O DOG do 31 de agosto de 2021 publica o Orde de 13 de agosto de 2021 pola que se resolve o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o curso 2021/2022. Intégranse 27 novos centros e, finalmente, son un total de 729 bibliotecas escolares as que conforman o PLAMBE-públicos neste curso que hoxe comeza. As bibliotecas escolares demostraron nos dous últimos cursos que son un instrumento e un valor do centro á hora de enfrontar novas formas de vincular á comunidade educativa, de ofrecer recursos para apoiar as aprendizaxes, de reforzar as competencias clave do alumnado e de facilitar lecturas e actividades que axuden a medrar como cidadáns activos e como lectores críticos da realidade. Cómpre seguir na pescuda de todas as súas potencialidades, adaptándose á situación sanitaria pero con iniciativa para presentar solucións aos problemas que se presentan.

2/9/21

A biblioteca escolar ten a palabra


A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2021/2022. 

O lema elixido, A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA, quere poñer o foco na palabra e a oralidade. A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2021-2022 é obra do ilustrador, escritor, deseñador e artista visual Pablo Otero, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en formacións e obradoiros.

25/6/21

GAÑADORES NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ORGANIZADO POLO PUERTO DE CELEIRO

 Helena Goás, de 6º de primaria, e Daniel García, de 5º de primaria, son os gañadores do concurso de fotografía. Unha cita que versou, este ano, sobre a restauración de ecosistemas, temática protagonista do día do Medio Ambiente neste 2021. Un concurso organizado, como cada ano, polo Puerto de Celeiro.

O xurado estivo conformado por Ana Feáns, Eduardo Míguez e Jesús Lourido do Puerto de Celeiro, Rita Lamas, Marta Pérez e Bibiana Santos do CEIP Celeiro e Carolina Docampo, Natalia García, Sonia Martínez da ANPA do centro.

O prazo de inscrición abriuse o 5 de xuño e pechouse o venres 18, Día da Gastronomía  Sostible. Durante este tempo foron 44 os escolares que presentaron os seus traballos, de eles 18 alumnas e alumnos, de 5º e 6º de primaria, foron os que entraron no concurso de maneira oficial. O premio ao mellor traballo recaeu en Helena Goás, de 6º de primaria, o segundo premio foi para David Paleo e o terceiro para Nerea Pigueiras. Na categoría de mellor formato o primeiro premio é para Daniel García, de 5º de primaria, o segundo para Andrés Adam e o terceiro para Sara Asmerón.  As rapazas e rapaces gañadores recibirán libros sobre temática ambiental e mariña. O centro será premiado ademais cunha pantalla interactiva valorada en preto de 2000 euros. 

Neste concurso participaron 44 nenas e nenos de 3º,4º, 5º e 6º de primaria, pese a que na sección oficial formaron parte 18 escolares de 5º e 6º. Un concurso onde puideron deixar voar a súa imaxinación e creatividade coa presentación dunha fotografía vencellada coa temática deste ano do Día Mundial do Medio Ambiente, a reconstrución de ecosistemas. Asemade, todo o alumnado que participou presentou esta fotografía nun marco realizado con materiais de refugallo. Trátase dunha actividade onde quedou patente a vea artística destas pequenas e pequenos.

O acto de entrega dos premios tivo lugar o venres 25 de xuño, Día da xente do mar, ás 12:30 no salón de actos do Puerto de Celeiro.

 

Esta iniciativa é froito do acordo de colaboración entre o CEIP de Celeiro e PUERTO de CELEIRO S.A OPP-77, para promover actividades que contribúan a concienciar ao alumnado de Celeiro sobre o medio ambiente mariño, e o coñecemento da realidade económica e social da súa contorna e dos produtos de pesca e está financiada polos fondos FEMP a través do PPeC 2021 da OPP77.