31/3/14

Exposición Día do Libro Infantil e Xuvenil

O rincón expositor da Biblioteca xa ten novos libros, neste caso pertencen a autores coma Hans Christian Andersen, Irmáns Grimm e outros.
Na seguinte PÁXINA atoparemos moita máis información.

Traballos en familia. Día do Libro Infantil e Xuvenil


No mes de abril celebramos o Día do Libro Infantil e Xuvenil (2 de abril) e o Día do Libro (23 de abril); no mes de maio As Letras Galegas
Por iso, dentro do proxecto da Biblioteca Escolar e en colaboración coas bibliotecas doutros centros da Mariña,   como en cursos pasados (“Lembrando o pasado” e “Unha primavera de poemas”), propoñemos ás familias a súa participación nunha actividade que leva por título:

“DE AQUELES CONTOS…NOVOS FINAIS”

Esta actividade ten como obxectivo a posta en valor da LITERATURA CLÁSICA, importante na formación de hábitos lectores, no desenvolvemento de valores, gustos literarios e tamén no desenrolo da creatividade como elemento fundamental nunha sociedade en constante cambio.
Por iso enviámosvos o folio cun conto clásico resumido para que sexa lido en familia e despois de comentado buscarlle un final novo e diferente, que escribiredes pola parte de atrás xunto coa realización dunha ilustración ou obra plástica a realizar con técnicas libres (collage, debuxo, manualidade…). 
Cada ano vides presentando traballos ben bonitos !!!

O traballo entregarase ao titor ou titora á volta das vacacións de Semana Santa; cos mesmos faremos unha exposición no colexio e na semana do 12 ao 16 de maio, unha exposición conxunta de todos os centros participantes, na Sala de Usos Múltiples do Concello de Viveiro. Esta exposición contará con actuacións variadas dos alumnos e alumnas dos centros e poderá ser visitada polas familias.

27/3/14

TEATRO ESCOLAR


Hoxe celébrase o 
Día Internacional do Teatro.
Dende o curso 93-94 o centro vén desenvolvendo esta actividade extraescolar (baixo a direción do profesor Vicente Míguez) con ensaios ordinarios todos os xoves de 5 a 6 da tarde. A fin de curso represéntanse as obras, primeiro no colexio e logo, para os pais e público en xeral, no Centro Sociocultural (Casa do Forno). Ás veces tamén temos saído co teatro para actuar no Club de Xubilados de Viveiro, no Asilo, no Xeriátrico, nas festas patronais de Celeiro e de Covas, e sobre todo, no Teatro Pastor Díaz.
Este ano son 23 alumn@s os que participan nesta actividade que tén como obxectivos explorar as capacidades psicomotrices, traballando a vocalización, a memoria, comunicación cara ao público, autoestima, socialización e posta en escena. De paso, transmítese un valor cultural aos nen@s.
Entre outras obras de teatro téñense representado os seguintes títulos: E por riba o sol, Reality a chou, Os tres Reis Malos, Piratas de Caribe, Casa Macho e Mamma mía, que circo! Este curso escenificaremos Pasatempos.

20/3/14

Rincón da Bibliosoños

Libros de poesía para a Hora de Ler:

19/3/14

Traballando a Poesía

Este ano para conmemorar o DÍA DA POESÍA imos levar a cabo unha actividade relacionada tamén co DÍA DA ÁRBORE:

"APADRIÑA UNHA ÁRBORE"
Cada curso elixirá unha árbore das que temos no entorno do noso colexio e adicaralle unha poesía, ben de creación propia ou de autor coñecido e ademais faralle unha ilustración.
Cos traballos faremos unha exposición e logo con algúns dos poemas seleccionados elaboraremos un pequeno libro.
Tamén faremos unha sesión de recitados a carón das árbores apadriñadas o venres, 21 de marzo.
  • 4º Infantil: Camelio
  • 5º Infantil: Limoeiro
  • 6º Infantil: Oliveira
  • 1º curso: Loureiro
  • 2º curso: Castiñeiro
  • 3º curso: Acivro
  • 4º curso: Pereira
  • 5º curso: Carballo
  • 6º curso: Níspero
  • Aula de Inglés: Piñeiro
  • Aula de Música: Roseiras e plantas en xeral.

18/3/14

Traballo documental

Os alumnos e alumnas do 3º ciclo veñen de presentar os seus traballos realizados despois da saída para visitar a lonxa de Celeiro, dentro do programa "Mariñeiros por un día".


14/3/14

Fomento da lectura

Hoxe levamos a cabo dúas actividades coas que intentamos fomentar a lectura entre os noso alumnado:
  • Por un lado os alumnos e alumnas de 4º curso renovaron as súas "mochilas viaxeiras" con novos libros e materiais para que sigan disfrutando da lectura en familia.
  • Tamén fixemos entrega dos e-reader (lector electrónico) nas aulas de 5º e 6º curso, acompañada dun díptico informativo e dunha breve explicación por parte das responsables das TIC e da Biblioteca Escolar.
Esperamos que estas accións servan para fomentar o gusto pola lectura!!!



11/3/14

Poñemos en marcha os libros electrónicos

Asistimos na actualidade a importantes cambios na forma de presentar os textos e de acceder á súa lectura, coa incorporación de novos soportes e novos artefactos (lectores electrónicos, tabletas, e outros), que cómpre ir introducindo na biblioteca escolar, co fin de que o alumnado poida coñecer de primeira man, e coa orientación do profesorado, os novos soportes.
Porén, a incorporación dos lectores electrónicos nas bibliotecas conleva certa complexidade, pois a industria editorial e a industria tecnolóxica está aínda probando soportes e formatos, e procurando solucións a problemas que se presentan. Unha das incógnitas por resolver é a mellor fórmula para realizar os préstamos de lectores e de libros electrónicos no contexto específico das bibliotecas dos centros de ensino. Entre tanto, é desexable que o noso alumnado teña acceso a estes soportes e que o profesorado poida probar as posibilidades que ofrecen, na mellora da competencia lectora e no de- senvolvemento de hábitos de lectura, ámbolos dous obxectivos do Proxecto Lector de Centro.
Comezamos a nosa andaina poñendo en marcha este tipo de lectura nos cursos do 3º ciclo.
Na presentación podemos ver a información que recibirán os alumnos e alumnas.

10/3/14

Anxo Moure no colexio

Hoxe, despois do recreo, imos ter dúas sesións (unha para Infantil e 1º curso e outra os demáis cursos de primaria) co contador de contos ANXO MOURE que nos presentará  o libro:

"A XACIA LUVIÑAS"

http://www.rios-galegos.com/venasgxacia.htm

A historia ensina aos nenos e nenas a non pelexarse, a coidar dos ríos e sobre todo a acariciar. Conta as lendas que os xacios e as xacias son seres medio humanos, medio peixes, que vivían nos pozos dos ríos.