O PLAMBE é un programa iniciado en 2005 que está a impulsar a 
transformación das bibliotecas escolares en centros de recursos de 
lectura, información e aprendizaxe. Pero máis aló dos recursos, as 
bibliotecas son un instrumento esencial para a innovación educativa na 
medida en que propician e lideran a utilización de metodoloxías activas,
 a integracións das TIC en contextos reais de aprendizaxe e o traballo 
por proxectos.
 
As bibliotecas  facilitan oportunidades de aprendizaxe en moi distintos 
ámbitos e son un espazo de encontro entre os diferentes membros da 
comunidade escolar. O seu funcionamento é esencial para o 
desenvolvemento do currículo pois apoia a todas as áreas e materias, non
 só cos recursos informativos que proporciona, senón tamén coas 
actividades que organiza en beneficio de toda a comunidade escolar. A 
lectura, entendida en sentido amplo, como alfabetización múltiple, a 
lectura do século XXI, é a base de todas as actuacións da biblioteca, 
pero tamén son fundamentais as actividades relacionadas co mundo da 
información. O alumnado precisa de forma urxente ser formado no uso, 
tratamento, aproveitamento e produción da información, nos múltiples 
formatos e soportes nos que hoxe se presenta na sociedade.
 
O Plan de mellora de bibliotecas escolares facilita recursos, formación e
 obxectivos comúns a un profesorado interesado en facer da súa 
biblioteca un espazo de aprendizaxe, en liña coas esixencias da 
normativa educativa vixente. Un total de 575 centros públicos forman 
parte desta "rede de bibliotecas escolares" de Galicia.