Helena Goás, de 6º
de primaria, e Daniel García, de 5º de primaria, son os gañadores do concurso
de fotografía. Unha cita que versou, este ano, sobre a restauración de
ecosistemas, temática protagonista do día do Medio Ambiente neste 2021. Un
concurso organizado, como cada ano, polo Puerto de Celeiro.
O xurado estivo conformado
por Ana Feáns, Eduardo Míguez e Jesús Lourido do Puerto de Celeiro, Rita Lamas,
Marta Pérez e Bibiana Santos do CEIP Celeiro e Carolina Docampo, Natalia
García, Sonia Martínez da ANPA do centro.
O prazo de
inscrición abriuse o 5 de xuño e pechouse o venres 18, Día da Gastronomía Sostible.
Durante este tempo foron 44 os escolares que presentaron os seus traballos, de
eles 18 alumnas e alumnos, de 5º e 6º de primaria, foron os que entraron no
concurso de maneira oficial. O premio ao mellor traballo recaeu en Helena Goás,
de 6º de primaria, o segundo premio foi para David Paleo e o terceiro para
Nerea Pigueiras. Na categoría de mellor formato o primeiro premio é para Daniel
García, de 5º de primaria, o segundo para Andrés Adam e o terceiro para Sara
Asmerón. As rapazas e rapaces gañadores
recibirán libros sobre temática ambiental e mariña. O centro será premiado ademais
cunha pantalla interactiva valorada en preto de 2000 euros. 
Neste concurso participaron
44 nenas e nenos de 3º,4º, 5º e 6º de primaria, pese a que na sección oficial
formaron parte 18 escolares de 5º e 6º. Un concurso onde puideron deixar voar a
súa imaxinación e creatividade coa presentación dunha fotografía vencellada coa
temática deste ano do Día Mundial do Medio Ambiente, a reconstrución de
ecosistemas. Asemade, todo o alumnado que participou presentou esta fotografía
nun marco realizado con materiais de refugallo. Trátase dunha actividade onde quedou
patente a vea artística destas pequenas e pequenos.
O acto de entrega
dos premios tivo lugar o venres 25 de xuño, Día da xente do mar, ás 12:30
no salón de actos do Puerto de Celeiro.
Esta iniciativa é
froito do acordo de colaboración entre o CEIP de Celeiro e PUERTO de CELEIRO
S.A OPP-77, para promover actividades que contribúan a concienciar ao alumnado
de Celeiro sobre o medio ambiente mariño, e o coñecemento da realidade
económica e social da súa contorna e dos produtos de pesca e está financiada
polos fondos FEMP a través do PPeC 2021 da OPP77.