10/3/10

Entrevista a Vicente Míguez Salgueiro

Vicente Míguez Salgueiro, nado en Celeiro é profesor no CEIP Antonio Pedrosa Latas dende fai moitos anos. Tamén é escritor (da súa obra falaremos  noutro momento) e entre  as súas aficións destacan a lectura e a música.

-Vicente, que é o Obradoiro de Prensa?
-É unha das actividades extraescolares que se levan a cabo no colexio.
-En que consiste?
-É un taller no que traballamos con xornais escritos en galego, castelán e inglés -as tres linguas que se imparten nos centros educativos-.Asemade, ocupámonos da prensa aparecida en soporte dixital a través de Internet.
-Como levades a cabo o traballo?
-Seleccionamos as noticias tendo en conta as distintas seccións dun xornal: sucesos, cultura, medioambiente, deportes, economía, sociedade, humor, tempo, A Mariña, nacional, internacional... Logo elabóranse dous paneis que se expoñen á entrada do centro para que o resto do alumnado poda lelo.
-Que obxectivos queres conquerir?
-Con esta iniciativa preténdese practicar a lectura, incidindo na súa comprensión, coñecer a través das novas máis destacadas o mundo que nos rodea, tanto do entorno local coma do nacional e internacional, e finalmente, habituarse a traballar en equipo.
-Cando se imparte este Obradoiro?
-Impártese os luns, en horario de 5 a 6 da tarde para os alumnos de 5º e 6º curso que desexen participar. Por suposto, trátase dunha actividade gratuita.

No hay comentarios: