26/1/12

Contacontos Inacio Vilariño

 O luns, 30 de xaneiro, temos a visita do contacontos Inacio, por xentileza do Consorcio Editorial Galego S.A.


Inacio Vilariño Sanmartín (Lalín, 1974) dedícase ás artes escénicas e dirixe a compañía Fantoches Baj.
A súa admiración pola cultura popular reflíctese non só no eido investigador senón tamén no creativo, sobre todo na literatura dramática, pois mereceu o VII Premio Barriga Verde de Textos para teatro de monicreques na modalidade de adultos no ano 2009 coa obra Auga que non vas beber..., e no 2010 o VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil con Fábula galénica (Baía Edicións/Xunta de Galicia, 2011), na que homenaxea co título as narracións tradicionais, as radios de galena e a ciencia farmacéutica.
A obra acontece en oito espazos enmarcados no teatriño de monicreques que semella unha radio antiga xigante. Un locutor con voz en off ou rapsoda, acompañado de música en directo, a modo das telenovelas radiadas, dá comezo a esta fábula coa fórmula inicial "Hai moitos anos, en Catasós".
A cuberta da obra ‘Fábula galénica’

Logo en dezanove escenas, nas que alternan os espazos interiores e exteriores da torre, da fraga e da aldea de Moneixas, os personaxes animais humanizados (raposa, lobo e burro) relaciónanse cos personaxes humanos arquetípicos, como a vella menciñeira, o cura lambón e o dono avaro, e con elementos da natureza animados (a táboa, a fonte, o lume e o regato).
Nas escenas Inacio emprega, moi ben engarzados, diferentes motivos dos relatos humorísticos e dos contos de animais, como acontece co conto galego coñecido como Os bautizos da raposa e co uso do escatolóxico, moi do gusto do lectorado infantil, pois o burro da tía Lola é quen de esconder o lobo, a raposa e o regato no seu cu.
No final da peza utiliza o recurso de encadeamento de elementos, propio dos contos acumulativos, e non falta, como en toda boa fábula, certa mensaxe moralizante ao converter a Don Cardo, señor de Catasós, nun saboroso cardo borriqueiro polas súas malas accións e facer tamén unha defensa ecoloxista.
As ilustracións do artista gráfico Óscar Villán (Ourense, 1972) complementan o texto teatral e agudizan o humor con escenas figurativas da acción na que presenta os diferentes personaxes da historia.

No hay comentarios: