Biblioteca escolar, acelerador de innovación
As bibliotecas escolares galegas viviron importantes transformacións nos
últimos anos, grazas ao esforzo conxunto de comunidades educativas e
administración, nunha tarefa que ten como finalidade ofrecer máis e
mellores instrumentos ao alumnado para a súa formación académica e
persoal. Estas transformacións non foron só físicas (moito profesorado
afirma que a biblioteca é o espazo máis fermoso do seu centro); o cambio
máis importante é o que se produce no centro educativo cando a biblioteca se activa,
porque arredor das súas propostas e dos seus recursos, da actividade
que xenera e os apoios que presta, botan a andar (ou cobran forza,
asentándose) dinámicas de traballo diferente, prácticas pedagóxicas máis
activas, propostas máis colaborativas, proxectos ilusionantes que
axudan a construír coñecemento e a construír comunidade tamén. As
bibliotecas, ao renovarse e activarse, confírmanse como aceleradores de innovación, de innovación educativa.
Con este lema, Biblioteca escolar, acelerador de innovación,
preséntase o cartel que neste curso 2012/2013 edita a Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co gallo da celebración
do mes da biblioteca escolar (outubro) e do Día da Biblioteca (24 de
outubro) e que chegará aos centros en datas próximas. Nesta ocasión, a
ilustración correspondeu ao creador galego Andrés Meixide,
que vén sumarse así aos ilustradores que teñen colaborado con esta
consellería no obxectivo de difundir as posibilidades da biblioteca
escolar (Manuel Mariño/2008, Miguelanxo Prado/2009, Marina Seoane/2010, Emma Ríos/2011)
No hay comentarios:
Publicar un comentario