19/11/13

Premio de Literatura en Lengua Castellana Miguel de Cervantes

Elena Poniatowska, escritora mexicana nacida en París, foi galardoada co premio Cervantes 2013. É a cuarta muller que recibe o premio, o máis prestixioso das letras hispanas. Antes conseguírono as españolas María Zambrano (1988) e Ana María Matute (2010) e a cubana Dulce María Loynaz (1992).

Elena Poniatowska naceu en Francia pero ao estalar a Segunda Guerra Mundial trasladouse coa súa nai a México mentres o seu pai participaba no desembarco de Normandía. A escritora incorporouse á vida mexicana sorprendéndose «pola pobreza que en Francia non vira». Comezou a escribir para un xornal nos cincuenta e, dende entón, non deixou de escribir en dous sentidos, no literario e no xornalístico. Consolidou a súa carreira ligada a este periodismo literario con obras como La noche de Tlatelolco (1971), sobre a matanza estudantil en Cidade de México.

O premio, considerado o Nobel das letras hispanas e creado en 1975 polo Ministerio de Cultura, está dotado con 125.000 euros e recoñece a figura dun escritor que co conxunto da súa obra contribuíse a enriquecer o legado literario hispano.

Aínda que non figura nas bases do premio, habitualmente cúmprese unha lei non escrita que reparte alternativamente, cada ano, o galardón entre Latinoamérica e España. Prevíase que no 2013 debería outorgarse o Cervantes a un escritor latinoamericano. Na pasada edición recaeu no escritor español José Manuel Caballero Bonald.

No hay comentarios: