29/2/16

Concurso ROSALÍA SEMPRE VIVA

 Sábado, 27 de febreiro
Casa-Museo Manuel María

Concurso escolar de recitado de poesía "Rosalía sempre viva"

Participaron nesta fase final un total de 133 estudantes de toda Galicia, en 4 categorías, de Infantil a Bacharelato, que recitaron poemas de Rosalía e Manuel María, o escritor ao que este ano se dedican as Letras Galegas.

Outeiro amañeceu frío, con neve nos arredores e mainas folerpas a caer sobre a Casa de Hortas. Mais axiña a calor da poesía fixo derreter a neve e os falares da Coruña, de Sada, de Arousa e de Rianxo, de Lugo, de Vilalba e de Cervo, de Bande ... e así até o medio cento de centros de ensino que encheron o auditorio da Casa Museo Manuel María.
Gañaron, na categoría 1 (Infantil, 1º e 2º de Primaria), o CPI de Xanceda (Mesía) cun recitado colectivo do poema O lobo de Manuel María; na categoría 2 (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria) Lucía Ónega Santos, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, co recitado do poema Galiza de Manuel María; na categoría 3 Irea Ferreiro López, do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa co poema Por que? de Rosalía; e na categoría 4 (Bacharelato) María Camilla Beltrán Guzmán, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo, co poema Verbas á miña nai de Manuel María.
 
Do noso colexio participou Jessica Fernández de 5º curso que o fixo moi ben e recibiu moitos parabéns. Tamén estaba prevista a participación de Daniela Escudeiro de 4º curso, que non puido chegar por mor da neve. Moito ánimo! sempre nos quedará a seguinte convocatoria que xa está anunciada.

No hay comentarios: