14/9/16

Benvidos ao curso 2016-2017

Iniciamos un novo curso, o que supón un avance na vosa formación e preparación. Por iso, necesitaredes dedicación e esforzo persoal para alcanzar as metas que vos propoñades. Neste labor contaredes coa axuda dos vosos profesores. A nosa función é tentar formaros, pero tamén axudarvos para que cheguedes a conseguir esas metas.

Neste Centro son moitos os compañeiros e compañeiras que queren aprender e formarse como persoas. Para conseguilo, é preciso ter en conta unhas normas de comportamento que deben basearse no respecto aos  compañeiros, aos  profesores e ao persoal non docente.

Durante o curso vades ter unha persoa que vos guiará nas vosas dúbidas e problemas: o voso titor ou titora. Pero a cambio, pedímosvos que os axudedes no seu labor contribuíndo a crear un clima agradable de convivencia na clase. Tentade resolver os vosos conflitos cos compañeiros dialogando e razoando con eles; as voces, os insultos, os berros... só demostran unha falta de educación e non resolven nada.

Pedímosvos tamén a vosa colaboración en manter a orde nas aulas e corredores. Durante o tempo entre clase e clase debedes permanecer na vosa aula esperando ao profesor. Non están permitidos os berros e os saltos.  Utiliza as papeleiras que están repartidas por todo o Centro. 

E por último recordamos que tedes á vosa disposición unha Biblioteca ben dotada para que poidades retirar e devolver os libros que necesitedes. Coidádeos, pois teñen que ser utilizados por todos os alumnos e alumnas do Centro. O voso profesorado guiaravos nesta tarefa.


No hay comentarios: