23/10/18

Encontro literario co poeta XOÁN NEIRA

O mércores, 24 de outubro celebramos
O DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR
FALARÁ PARA O ALUMNADO  DE 4º, 5º E 6º CURSO
O POETA XOÁN NEIRA LÓPEZ

 O POETA FALA EN PRIMEIRA PERSOA
Nacín en Lugo, na parroquia de Meilán, alí nas beiras do pai Miño pasei a miña infancia feliz.
Fun primeiro a unha escola unitaria, unha daquelas de pao e tente teso.
Alí paseino moi mal, pero aos dez anos ingresei no instituto masculino e a cousa mellorou moito, rematei os estudos de maxisterio na cidade amurallada. Era un estudante aplicado.

Despois emigrei ao Sur, a Sevilla concretamente, onde aprobei as oposicións e comecei a exercer de mestre. Estiven cinco anos e polo ano 82 cheguei a Viveiro, así que xa me considero un viveirés máis.
Cando eu era pequeno apenas había libros infantís había, iso sí, libros de texto, tochos grosos, grandes enciclopedias como a Álvarez, con moita letra pequena e poucas ilustracións. As miñas primeiras lecturas foron: A illa do tesouro de Stevenson, que o debín de ler unha ducia de veces, Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas e xa despois Os soños na gaiola de Manuel María.
As miñas lecturas necesarias chegarían máis adiante, lembro El rayo que no cesa de Miguel Hernández, proporcionado polo profesor Alonso Montero, coma un dos primeiros libros impactantes nos meus tempos xa mozos.
Escribía cousas para mín, para ter gardadas, pero non me decidía a publicar, a perder o pudor, tal vez o feito de gañar o certame Meigas e Trasgos de Sarria e o de que meu irmán, Manuel Xosé Neira, xa levaba tempo escribindo, animoume.
Fun polo tanto un escritor un pouco tardío, empecei a publicar perto dos 40 anos.
Escribo para adultos e para neno@s. Para adultos publiquei Memoria e Soño, Nas varandas do abrente, Ás catro augas e Linguaxes (en colaboración con Otero Regal) e para nen@s comecei con Recreos que musicou Manuel Rodríguez e despois viñeron Xiz de Cor, Farrapos de nube, No cubil da lúa, Un niño no xardín, Chafarís, Gaiola Aberta e polo medio tamén houbo un contiño escrito a dúas mans con Vicente Míguez Coñece Celeiro, porto punteiro” .
Recibín varios premios que tamén me animaron a continuar neste mundo da literatura e … aquí sigo feliz agora neste Viveiro alegre, aquí na miña casa do Paraíso coidando o xardín, ensinando aos nen@s e escribindo versos.

Eu animovos a que escribades, é algo marabilloso, así poderedes vivir cantas vidas queirades, as que a na nosa curta existencia non nos permite. Pero para escribir hai que ler moito.

No hay comentarios: