Nacín en Lugo, na parroquia de Meilán, alí nas beiras do pai Miño pasei a miña infancia feliz.
Despois emigrei ao Sur, a Sevilla concretamente, onde aprobei as oposicións e comecei a exercer de mestre. Estiven cinco anos e polo ano 82 cheguei a Viveiro, así que xa me considero un viveirés máis.
Cando eu era pequeno apenas había libros infantís había, iso sí, libros de texto, tochos grosos, grandes enciclopedias como a Álvarez, con moita letra pequena e poucas ilustracións. As miñas primeiras lecturas foron: A illa do tesouro de Stevenson, que o debín de ler unha ducia de veces, Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas e xa despois Os soños na gaiola de Manuel María.
Escribía cousas para mín, para ter gardadas, pero non me decidía a publicar, a perder o pudor, tal vez o feito de gañar o certame Meigas e Trasgos de Sarria e o de que meu irmán, Manuel Xosé Neira, xa levaba tempo escribindo, animoume.
Fun polo tanto un escritor un pouco tardío, empecei a publicar perto dos 40 anos.
Escribo para adultos e para neno@s. Para adultos publiquei Memoria e Soño, Nas varandas do abrente, Ás catro augas e Linguaxes (en colaboración con Otero Regal) e para nen@s comecei con Recreos que musicou Manuel Rodríguez e despois viñeron Xiz de Cor, Farrapos de nube, No cubil da lúa e polo medio tamén houbo un contiño escrito a dúas mans con Vicente Míguez “Coñece Celeiro, porto punteiro” .
Recibín varios premios que tamén me animaron a continuar neste mundo da literatura e … aquí sigo feliz agora neste Viveiro alegre, aquí na miña casa do Paraíso coidando o xardín, ensinando aos nen@s e escribindo versos.
Eu animovos a que escribades, é algo marabilloso, así poderedes vivir cantas vidas queirades, as que a na nosa curta existencia non nos permite. Pero para escribir hai que ler moito, ler e ler e despois romper algún papel ata que o que escribas te satisfaga.
Na BIBLIOSOÑOS temos estes fermosos libros escritos por Xoán Neira
No hay comentarios:
Publicar un comentario