3/12/21

3 de decembro, DIA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Biblioteca Inclusiva, todos os días do ano

O 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co obxectivo de promover os seus dereitos e o seu benestar en todos os ámbitos da sociedade, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural. Asegurar que poidan exercer os seus dereitos, sen ningún tipo de discriminación, é a nosa prioridade.

E para concienciar ó noso alumnado, durante esta semana fixemos as seguintes actividades:

 

  • Exposición de libros inclusivos.
  • Lectura do conto "Supernenos"
  • Elaboración de dous cadros-murais dos alfabetos: Dactilolóxico e Braille.
  • Canción "Bos Dias" na linguaxe de signos.



CHARLA INFORMATIVA SOBRE O ALZHEIMER

 

Na mañá do venres, 3 de decembro, persoal do Centro de Día Alzheimer Celeiro (a enfermeira, Rocío e o psicólogo sanitario, Carlos) impartiron unha charla informativa para o noso alumnado de 5º e 6º curso de Primaria.

Esta actividade forma parte do Programa Interxeracional entre o Centro de Día de Celeiro e o no colexio que se desenvolverá durante o presente curso.

As nenas e nenos responderon a cuestións previas que lles fixeron tanto Rocío como Carlos e despois da charla informativa poideron realizar preguntas sobre o tema, do cal están moi sensibilizados, pois a maioría tiveron ou teñen familiares afectados polo Alzheimer.




2/12/21

SUPERNENOS

Nesta semana dedicada a diversidade funcional, presentámosvos o conto de "Supernenos" narrado en galego polos nenos do noso cole. Esta é unha bonita historia que axuda a concienciar aos máis pequenos de que as diferenzas non nos separan, senón que nos unen. O conto pretende cambiar a forma de ver a discapacidade e lanzar unha mensaxe de respecto, integración e tolerancia cara aos nenos e as nenas con diversidade funcional. Esperamos que vos guste tanto coma a nós!


30/11/21

SUPERARTE con Charo Pita

 Hoxe tivemos a visita no noso cole de Charo Pita, escritora galega de moitísimas obras, dentro da iniciativa do Concello de Viveiro "Superarte"

Os alumnos/as de 3º e 4º puideron disfrutar do relato do seu conto "A carreira", que nos conta a historia dun neno con TEA.

O próximo venres, 3 de decembro, celebramos o Día Internacional da Discapacidade e son varias a actividades que estamos realizando esta semana, sendo esta unha máis, co fin de concienciar ó noso alumnado da diversidade do ser humano e igualdade de oportunidades.



25/11/21

25N, NO CEIP DE CELEIRO

O día 25 de novembro, a comunidade educativa deste centro escolar conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Nesta data queremos reclamar a atención da sociedade e dos gobernos sobre o feito de que a violencia contra as mulleres e as nenas é unha das formas de violencia máis estendida no mundo. 

Asemade, queremos manifestar o noso compromiso de traballar para previr a violencia contra as mulleres en todas as súas manifestacións e combater calquera outro tipo de violencia:

  • Facer respectar os dereitos das mulleres e das nenas. 
  • Opoñerse a todo tipo de violencia contra as mulleres tanto física como verbal. 
  • Aprender a relacionarnos respectuosa e solidariamente. 
  • Utilizar modelos e mensaxes cooperativos e dialogantes.

 

22/11/21

#retoinvestigamos #Accion25VozNatura

 Hai 25 anos, Voz Natura chegaba ás aulas de centros educativos de toda Galicia. O programa de educación ambiental creado pola Voz e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, O Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces nacía con dúas premisas: concienciar aos máis pequenos sobre a importancia de preservar a natureza e levar a cabo acciones desde as aulas. Hoxe, un cuarto de século despois, esa misión segue máis presente que nunca e xa son 365 os centros adscritos ao programa.  MÁIS INFORMACIÓN AQUÍ

Este mes de novembro o eco reto proposto polo 25 aniversario de Voz Natura é o #RetoInvestigamos.Xa que o Proxecto Documental deste curso ten como obxectivo coñecer a nosa parroquia, Celeiro, os nenos e nenas de 4º de Primaria asumiron o reto facendo unha pequena investigación sobre a agricultura en tempos dos seus avós. Neste video podedes ver o resultado da mesma.


 

18/11/21

20 de novembro DÍA DOS DEREITOS DO NENO

O 20 de novembro, é O Día Universal do Neno.

É un día de celebración polos avances conseguidos, pero sobre todo, é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos máis desfavorecidos e para dar a coñecer os dereitos da infancia co fin de concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desenvolvemento.

Presentamos a continuación, un resume explicado para todos os nenos/as,  de cales son os seus dereitos e os seus deberes.




17/11/21

EXPERIMENTAMOS...

 Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2021

Esta semana os nosos nenos/as están a experimentar nas súas aulas.

Están a aprender moitas cousas, xogando, gozando e experimentando.

Nos seguintes vídeos, podedes ver unha pequena mostra dos seus experimentos.




Nenos/as de 1º  Ed.Primaria



Nenos/as de 2º  Ed.Primaria



Nenos/as de 4º  Ed.Primaria




16/11/21

Viveiro Sostible

 Fai uns días recibimos a visita de Lucas Requejo e Iván Fernández para regalarlle a cada neno/a do noso cole, unha postal co lema de  "Viveiro Sostible". Trátase dunha iniciativa educativa  creada para facer de Viveiro unha escola de vida sostible para os nenos/as viveirenses.

Aproveitando a visita, deixáronos uns paneis expositivos sobre o coidado do mar.....que nos recorda o importante que é non tirar lixo ao mar e coidar as augas da nosa vila mariñeira.

O alumnado de segundo de primaria, aproveitado estas postais, decidiu envialas por correo as súas familias con mensaxes de gratitude por habelos ensinado a coidar o noso entorno.







15/11/21

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

Dedicamos esta semana no noso cole á ciencia. O noso alumnado converterase en científicos, onde nos mostrarán os seus experimentos. Nos vindeiros días colgaremos algúns dos seus experimentos.



12/11/21

O MAGOSTO DO NOSO COLEXIO!

 Na mañá do 11 de novembro, DÍA DE SAN MARTIÑO, celebramos o xa tradicional MAGOSTO que por estas datas adoitamos facer no noso colexio. Foi un día estupendo e pasámolo moi ben!!!

  •  Participamos no circuito de xogos que nos preparou a profesora  de Educación Física, Mª José.
  •  O alumnado de 6º curso de Primaria, xunto coa súa titora Susana, preparou unha coreografía.
  • Tamén nos acompañaron dous gaiteiros, o profesor de 5º, José Antonio e o pai e Antón, David.    
  •  Eles foron, coa súa música, os encargados de amenizar a degustación das castañas asadas, que aínda que estaban un pouquiño duras o sabor era moi bo. Grazas ás familias pola súa aportación.
No seguinte vídeo, podedes ver as actividades do día.


 A continuación tedes a coreografía do alumnado de 6º Ed. Primaria

Preme aqui

 

10/11/21

MÁIS NOVIDADES

Na Bibliosoños seguimos recibindo moitos libros novos!
Esperamos que gocedes deles!

Aquí tedes unha pequena mostra deles


8/11/21

OBRADOIRO DE FORMACIÓN RADIO NA BIBLIO



O luns, 8 de novembro de 2021, o alumnado de 6º curso, xunto coa súa titora Susana López e a coordinadora da Radio na Biblio, Marta Pérez, participaron no Obradoiro de Formación de RADIO NA BIBLIO impartido por Damián Alonso: 
  • Actor de voz e dobraxe e de teatro. 
  • Locutor en publicidade e documentais en radio e televisión. 
  • Membro a Asociación Cultural e Pedagóxica PONTE...NAS ONDAS! 
Foi unha mañá moi produtiva pois realizaron prácticas de locución, dicción, articulación e transmisión da voz. 
Iniciación ao manexo do programa AUDACITY. 
Elaboración dunha escaleta e realización do guión. As músicas e todo o necesario para elaborar un podcast. 
Aprenderon moito e pasaron unha mañá aprendendo de xeito diferente!
 

3/11/21

Resolución do programa Radio na Biblio. Curso 2021/22


Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se dá a coñecer a relación dos 30 centros que se integran no programa Radio na Biblio  no presente curso 2021/22, así como a relación de centros de continuidade (108). En total forman parte deste programa 138 bibliotecas escolares, distribuídas por todo o territorio galego.

O programa Radio na biblio pretende o reforzo das competencias en comunicación lingüística e medios de comunicación do alumnado, mediante a creación dunha emisora ou laboratorio de radio vinculado á biblioteca escolar e contribúe á consecución dos obxectivos  do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares,  da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

 

28/10/21

O SAMAIN XA CHEGA....

Despois da festa do Día Das Bibliotecas, estivemos preparando a chegada do Samaín.... Na aula de música repasamos as cancións sobre esta celebración e, tódalas aulas, participaron na ambientación dos corredores e da nosa Biblioteca, con moitas manualidades que elaboraron os nenos e nenas.

No seguinte vídeo poderedes ver como está o colexio cheo de pantasmas, esqueletos, cabazas, arañas.... e moitas moitas meigas, ademáis temos un castelo xigante no que mañá nos faremos moitas fotos.


Tamén, desde a Biblioteca, elaboramos unha pequena guía sobre as recomendacións lectoras para que poidades gozar lendo e tremer moito... que é do que se trata nesta data tan especial.                       Premede na imaxe


E como colofón final, o venres, 29 de outubro, fumos disfrazados ao cole e tivemos sesións de contacontos.

  • A profesora Olalla  contounos o conto "Corre, corre cabaciña" .
  • A profesora Mari o conto "O Samaín"
  • O profesor Ricardo: "O bosque das sombras".
  • O profesor José Antonio: "O meu bisavó era enterrador"

Foi un día moi especial!!!

No seguinte vídeo podemos ver un resumo desta gran celebración.


23/10/21

DIA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O 24 de outubro, celebramos o Día das Bibliotecas Escolares, e... Sabedes porque adicamos un día especial ás Bibliotecas Escolares? 

Pois porque as bibliotecas escolares son moi importantes, xa que son as únicas bibliotecas polas que pasa toda a xente en idade escolar do noso pobo.

E nós temos a gran sorte de ter a nosa biblioteca, a Bibliosoños, pola que pasaron moitos dos nosos pais, nais, familiares e moitos compañeir@s e amig@s.

Por iso, aproveitando esta data, o venres, fixemos unha pequena homenaxe a nosa Biblioteca, e cada nen@ levou para a súa casa un libro que permaneceu moitos anos neses estantes e que pasou por moitísimas casas. Unha forma símbólica para que agora, ese libro, quede nunha casa e non regrese a Bibliosoños.

Ademáis dos libros, levaron unha chapa moi especial da nosa mascota Rufo. 

E como non podía faltar, recordamos a canción adicada tamén a nosa Biblioteca


 

 

 

 

Deixámosvos un vídeo resume da nosa festa.

Deixámosvos tamén un QUIZZIZ realizado polo mestre José Antonio Lozano, premede nel para xogar un pouco e comprobar o que sabedes.


 


18/10/21

Día das Escritoras 2021

O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas.
 
Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
VI Edición celébrase este ano 2021  o 18 de outubro baixo o lema "Ler as idades da vida". 

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

SELECCIÓN DE TEXTOS DE ESCRITORAS GALEGAS 

PEQUENA EXPOSICIÓN DE LIBROS 

ESCRITOS POR MULLERES 



8/10/21

XOGOS NOS PATIOS DE RECREO

 Dende o centro e en colaboración coa ANPA do colexio, estamos a elaborar un proxecto para dinamizar os patios de recreo:  

  • A idea é pintar xogos no chan que axuden a que o tempo de lecer das mañás sexa máis divertido para o alumnado.
  • Por iso pedimos a vosa opinión e especialmente a dos vosos fillos/as para elixir as actividades que vos parezan máis entretidas.

Podedes ver algunhas propostas na seguinte presentación:


6/10/21

Novidades na Bibliosoños

 Bota unha ollada ás nosas novidades!!

Estes días estamos a recibir novos libros na nosa biblioteca, así que vos animamos a que disfrutedes da lectura facendo uso deles. 

Seguro que vos gustarán moito!





2/10/21

Coñecemos a Confraría e a Lonxa de Celeiro (5º e 6º de Primaria)

Comezamos as actividades complementarias neste novo curso no que imos levar a cabo un proxecto documental que nos vai axudar a coñecer moito máis o noso pobo: CELEIRO.

O alumnado de 5º e 6º de Primaria, xunto cos seus mestres, participaron  na actividade programada pola Confraría de Celeiro: MARIÑEIROS POR UN DÍA.


A actividade consistiu na presentación da Confraría como Institución e o seu labor; tamén coñeceron de preto a lonxa, o seu funcionamento, diversas clases de peixes... Foi unha mañá moi aproveitada por todo o noso alumnado que recibiu diversos agasallos: un tríptico informativo, camisetas...

 

          PREME NA IMAXE PARA VISUALIZAR O VÍDEO         

TRÍPTICO